• Galego
  • Español

Burela acollerá este venres o Cinefórum "Olladas do Sur. Cinema curto desde a África lusófona”

  • A sesión inclúe a proxección de tres curtametraxes e un coloquio sobre a realidade africana lusófona

Burela, 22 de outubro de 2025. Este venres 24 de outubro ás 19:00 horas, o Salón de Plenos da Casa do Concello de Burela acollerá o cinefórum “Olladas do Sur. Cinema en curto desde a África lusófona”, unha actividade promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración co Concello de Burela.

O evento consistirá na proxección de tres curtametraxes procedentes de Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau, que abordan distintas temáticas vinculadas coa realidade destes países. Tras as proxeccións haberá un coloquio co público asistente, no que se reflexionará sobre os contidos e mensaxes das pezas audiovisuais.

“Olladas do Sur” ten como obxectivo dar a coñecer a realidade de Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau e a súa relación con Galicia, así como visibilizar a diversidade sociocultural e ofrecer narrativas alternativas aos estereotipos sobre o continente africano. A iniciativa tamén pretende poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento e os proxectos que o Fondo Galego impulsa na África lusófona.

A actividade, cun formato lúdico, participativo e transformador, está dirixida ao público xeral e terá unha duración aproximada de 90 minutos.

O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, sinalou que “este tipo de accións permiten achegar á cidadanía realidades que adoitan ser descoñecidas, fomentar o diálogo intercultural e xerar empatía”, e destacou “a importancia de iniciativas que empregan a arte como ferramenta educativa e de sensibilización”.