• Galego
  • Español

Burela acolle unha nova edición do torneo de baloncesto 3x3 Feira do Bonito

Burela, 28 de xullo de 2026. A menos dunha semana da Feira do Bonito, Burela quenta motores co seu xa tradicional torneo de baloncesto 3x3 Feira do Bonito, organizado polo Club Baloncesto de Burela co apoio do Concello de Burela e a Deputación de Lugo. Contará con categorías masculinas e femininas Sénior, U18, U16, U14, U12 e U10 e repartirase un total de 2.880 euros en premios, dos que 500 euros serán p ra a categoría sénior.

A competición arrancará mañá, mércores, coas categorías inferiores e prolongarase ata o venres. Durante estas tres xornadas os encontros disputaranse entre as 20.30 e as 23.00 horas, reservándose o venres para as finais e os concursos de triples e habilidades.

Durante a xornada do sábado competirá a categoría sénior, que concentrará toda a competición nunha única tarde. Os equipos disputarán unha primeira fase con 15 encontros de todos contra todos, da que sairán os catro mellores clasificados para o partido da final e o terceiro e cuarto posto. A competición desenvolverase entre as 16.00 e as 22.00, hora na que se fará a entrega de premios, mentres que o concurso de triples porá o broche final á xornada.

Ao longo de todo o torneo, os horarios dos encontros e os resultados poderán consultarse no blog oficial do 3x3, onde se irá actualizando a información da competición.

Desde o Concello de Burela convidan á veciñanza a achegarse á praza da Mariña para gozar dun evento que volverá situar o baloncesto e o deporte como uns dos grandes protagonistas da programación da Feira do Bonito.