• Galego
  • Español

Burela acolle unha charla sobre comunidades enerxéticas organizada pola asociación Terras de Miranda

  • A cita terá lugar o mércores 24 de setembro no salón de actos do Concello, con acceso libre e gratuíto

Burela, 22 de setembro de 2025. A asociación Terras de Miranda, coa colaboración do Concello de Burela, organiza unha charla informativa sobre comunidades enerxéticas o mércores 24 de setembro ás 20:00 horas no salón de actos municipal. A entrada será libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.

O obxectivo desta iniciativa é achegar á cidadanía o concepto das comunidades enerxéticas e dar a coñecer as súas vantaxes. Así, durante a sesión explicaranse todas as oportunidades que ofrecen para a explotación dos recursos locais, os beneficios económicos e ambientais que supoñen, así como os pasos necesarios para poñer en marcha este tipo de proxectos.

Dita actividade enmárcase no programa ‘Impulso CERES’, que está a desenvolver charlas informativas en distintos puntos da provincia de Lugo. Este programa é promovido pola Oficina de Transformación Comunitaria CERES e financiado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) a través de fondos europeos.

A convocatoria está dirixida á poboación en xeral, ás asociacións e tamén ás pequenas e medianas empresas, co fin de dar a coñecer unha alternativa que pode xerar aforro económico e favorecer un desenvolvemento local sostible.