• Galego
  • Español

Burela acolle os días 17 e 18 de abril o exercicio anual de seguridade marítima MARSEC da Armada

  • O porto burelés será escenario de distintos supostos prácticos, entre eles o simulacro de afundimento dun pesqueiro, cun programa aberto á veciñanza para achegar á cidadanía o traballo dos organismos participantes

Burela, 25 de febreiro de 2026. O porto de Burela acollerá os días 17 e 18 de abril o exercicio MARSEC, unha actividade anual relacionada coa seguridade marítima organizada pola Armada e aberta á veciñanza.

Hoxe celebrouse a primeira reunión de coordinación entre todos os participantes no simulacro, un encontro previo destinado a preparar o desenvolvemento das operacións e garantir a coordinación entre os distintos organismos implicados na seguridade marítima.

MARSEC é un exercicio cuxo obxectivo principal é fortalecer a cooperación e o coñecemento mutuo entre as institucións implicadas na seguridade marítima, mediante a planificación e execución de operacións que abranguen unha ampla gama de situacións. Así mesmo, busca reforzar a colaboración entre os distintos organismos e a Armada co fin de garantir a seguridade no ámbito marítimo.

Entre os supostos previstos inclúese o Escenario IV: “Hundimiento de pesquero en puerto de Burela”, que terá lugar o 18 de abril, entre as 10:30 e as 13:30 horas.

No exercicio participarán, ademais da Armada como entidade organizadora, a Capitanía Marítima de Burela, a Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira (DAVA), o Instituto Social da Mariña (ISM) e a Xunta de Galicia a través dos Gardacostas de Galicia e de Portos de Galicia, o propio Concello de Burela e a Confraría de Pescadores de Burela.

Ademais, organizaranse xornadas de portas abertas para que a veciñanza poida achegarse ao porto, visitar as embarcacións e coñecer de primeira man o seu funcionamento. Así mesmo, durante o desenvolvemento do simulacro, a cidadanía poderá presenciar as manobras dende o propio porto.