Burela acolle este domingo a proxección do documental "Prisciliano e a Gallecia" cun coloquio co seu director
Burela, 10 de novembro de 2026. Burela acollerá este domingo, 15 de novembro de 2026, ás 18:00 horas, a proxección do documental Prisciliano e a Gallaecia, seguida dun coloquio co seu director, Aser Álvarez. A actividade forma parte da xira organizada pola área da Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, que levou o documental a Sarria, Ribadeo, Vilalba, San Román de Cervantes, Quiroga e San Cosme de Barreiros, e que pecha en Burela.
O documental achégase á figura do bispo galaico Prisciliano (340-385), a primeira persoa condenada a morte pola Igrexa católica na súa historia. Executado por herexe, a súa pegada está especialmente arraigada na Galicia tardorromana e altomedieval, e a súa figura segue a ser obxecto de investigación na actualidade.
O acto comezará cunha presentación a cargo de Aser Álvarez e do historiador Diego Piay Augusto, asesor histórico do documental, doutor en Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor na Universidade de Oviedo e autor da primeira biografía histórica sobre Prisciliano. Tras a proxección, o público poderá participar nun coloquio co director.
Dende o Concello de Burela animan á veciñanza a achegarse a esta proposta para coñecer unha das figuras máis singulares da historia de Galicia.