Burela acolle a XXXIII Edición das Xornadas Técnicas de Expomar
- A cita, que se celebrará este xoves no salón de actos da Confraría de Pescadores, estreará un novo formato e abordará os principais retos do presente e futuro da pesca
Burela, 13 de maio de 2026. Burela acollerá mañá, xoves 14 de maio, as XXXIII Xornadas Técnicas de Expomar, unha das principais citas de análise e debate do sector pesqueiro, que reunirá no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela a representantes das administracións, profesionais, universidades, expertos e organizacións pesqueiras de ámbito galego, estatal e europeo.
Organizadas pola Fundación Expomar, as xornadas contan coa cofinanciación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.
A principal novidade desta edición é a renovación do formato, xa que as Xornadas Técnicas concentraranse nunha única xornada, con sesións de mañá e tarde.
Na apertura participarán a alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López; a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde e o director xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Ramón de la Figuera.
Ao longo da mañá celebraranse tres mesas de debate centradas na xestión pesqueira; o futuro do sector, o relevo xeracional e a formación; e a sustentabilidade, a socioeconomía e o consumo.
Pola tarde, a partir das 15.30 horas, a directora xeral de Marina Mercante, Ana Núñez, ofrecerá unha presentación sobre a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.
As Xornadas Técnicas pecharanse cunha mesa coloquio sobre a pesca no Parlamento español, na que participarán tres parlamentarios galegos en Madrid: Rosa Quintana, do Partido Popular, Patricia Otero, do Partido de los Socialistas de Galicia-PSOE, e Néstor Rego, do Bloque Nacionalista Galego.
Na tarde de hoxe, mércores 13 de maio, celebrouse nas instalacións de Armadores de Burela o XXVII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, no que representantes das principais entidades do sector analizaron os retos actuais da pesca. Das conclusións desta reunión sairá o documento “Conclusións 2026”, que se fará público mañá, durante as Xornadas Técnicas.
A alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, destacou que “Expomar segue demostrando por que Burela é unha referencia dentro do sector pesqueiro” e sinalou que estas xornadas e o encontro empresarial “conseguen reunir en Burela administracións, sector, universidades, expertos e organizacións pesqueiras para falar dos grandes retos do presente e do futuro da pesca”.
López engadiu que “Expomar non é só unha feira, é coñecemento, debate, conexións e compromiso co mar” e subliñou que cada edición “serve para seguir reforzando a presenza de Burela dentro do mapa marítimo-pesqueiro”. Segundo indicou, o evento tamén contribúe a “revalidar o papel que a nosa vila leva anos construíndo arredor do mar, do porto e do sector”.
A alcaldesa destacou ademais que este traballo está en consonancia coas iniciativas que se desenvolven dende o Concello para achegar o mar á cidadanía e poñer en valor a identidade mariñeira de Burela. Neste sentido, fixo referencia ás visitas á Lonxa, ao Barco Museo, aos murais da Confraría, ás rutas xeolóxicas pola costa e ás novas visitas ao Molde do Faro, así como a proxectos como Xeración Peixe, impulsado pola Fundación Expomar, e outras actividades dirixidas a achegar aos máis pequenos ao mar e á cultura mariñeira local.