Burela acolle a obra de ballet ‘Romeo y Julieta’ este 26 de decembro como proposta destacada do Nadal
- A versión en danza da obra clásica de Shakespeare chegará á Casa da Cultura o 26 de decembro ás 20:00 horas
Burela, 9 de decembro do 2025. O Concello de Burela anuncia a celebración do espectáculo de ballet “Romeo y Julieta”, que terá lugar o venres 26 de decembro de 2025 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Burela. O espectáculo, baseado na obra de William Shakespeare e coa composición musical de Serguéi Serguéyevich Prokófiev, forma parte da xira por España presentada por Leonor Gago.
A peza traslada ao escenario a coñecida historia ambientada na antiga Verona, onde a rivalidade entre as familias Capuleto e Montesco condiciona o amor de dous mozos. O ballet percorre momentos clave como o primeiro encontro nun baile, o matrimonio secreto, o dó, o desterro ou o intento de fuga, nunha trama que avanza cara ao seu desenlace tráxico. A obra preséntase como un himno á xuventude e unha reflexión sobre o poder do amor fronte ao odio.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, salientou que “é unha satisfacción poder ofrecer un espectáculo desta categoría no Nadal, unha época na que apostamos por propostas que eleven a programación cultural e acheguen experiencias memorables á cidadanía”. Engadiu tamén que “a presenza deste ballet supón unha oportunidade excepcional para gozar dunha obra universal interpretada por unha compañía de primeiro nivel”.
As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla e, dende o Concello, animan a toda a veciñanza a participar nesta cita cultural que pecha o ano cun espectáculo único na Casa da Cultura.