• Galego
  • Español

Burela abre a programación do Orgullo LGTBIQA+ coa mesa redonda “Identidades, expresión e afectos: un diálogo aberto”

  •  A iniciativa, organizada en colaboración con ARELAS, celebrarase o 1 de xullo no Salón de Plenos da Casa do Concello

Burela, 26 de xuño de 2026. O Concello de Burela dará comezo á programación do Orgullo LGTBIQA+ coa mesa redonda “Identidades, expresión e afectos: un diálogo aberto”, unha actividade organizada en colaboración con ARELAS que terá lugar o vindeiro mércores, 1 de xullo, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello.

A iniciativa nace coa vontade de crear un espazo participativo e aberto á cidadanía no que persoas con diferentes realidades e experiencias vitais dentro do colectivo LGTBIQA+ poidan compartir as súas historias, reflexións e aprendizaxes. O encontro pretende contribuír á visibilización da diversidade afectivo-sexual, familiar e de xénero, favorecendo a reflexión colectiva e axudando a desmontar prexuízos e estereotipos que aínda persisten na sociedade.

A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, destaca que "dende o Concello de Burela queremos que o Orgullo sexa moito máis ca unha data no calendario: queremos que sexa un espazo para escoitar, aprender, acompañar e reivindicar. Esta mesa redonda é unha oportunidade para achegarnos a realidades que moitas veces foron silenciadas e para seguir construíndo unha Burela máis libre, máis respectuosa e máis diversa".

A concelleira engade que "a igualdade tamén se constrúe dando voz ás persoas, creando referentes positivos para a mocidade e defendendo que todas as persoas teñen dereito a ser quen son e a amar como senten, sen medo e sen discriminación".

A actividade está dirixida á cidadanía en xeral, con especial interese para persoas mozas, familias, profesionais da educación, da intervención social e da saúde, así como para entidades e colectivos comprometidos coa diversidade e coa defensa dos dereitos LGTBIQA+.

Fernández rematou explicando que, con esta actividade, “o Concello de Burela reafirma o seu compromiso coa construción dunha vila máis inclusiva, diversa e libre de LGTBIfobia, facendo do Orgullo un espazo de participación, sensibilización e defensa dos dereitos humanos”.