Arranca a prospección xeofísica na Punta do Cabo de Burela
Burela, 29 de xullo de 2026. O Concello de Burela iniciará o próximo luns 3 de agosto os traballos da primeira fase da prospección xeofísica prevista na Punta do Cabo. Tras a reunión informativa entre a alcaldesa e a veciñanza da zona o pasado mércores 15 de xullo, o equipo técnico responsable da actuación volverá citar ás 12.00 horas ás veciñas e veciños de Burela do Cabo para resolver as posibles dúbidas que puidesen quedar antes do comezo dos traballos.
O equipo iniciará os traballos na zona ese mesmo día cravando pequenas estacas de madeira para xeoreferenciar e, a continuación, poder realizar os voos de dron.
Un proxecto para avanzar no coñecemento do castro de Punta de Cabo
Segundo explican dende o Concello, a prospección xeofísica permitirá explorar e cartografar este espazo mediante técnicas non invasivas co obxectivo de obter información que contribúa a caracterizar a estrutura e a extensión do castro de Cabo, un xacemento que permanece inexplorado ata o momento con metodoloxía científica.
Esta primeira fase non contempla alteracións no terreo e permitirá recompilar información de base para coñecer mellor a zona e orientar as futuras actuacións que se desenvolverán en función dos resultados obtidos.