• Galego
  • Español

Alumnado do Vista Alegre fai o “Xogo do mundo limpo” a proposta das monitoras da aula Gaia

A través dun xogo de preguntas relacionadas co medio ambiente, o grupo de 4º de primaria realizou un obradoiro interactivo e dinámico sobre ecoloxismo

Dividíronse en catro equipos segundo as cores para ir respostando ás cuestións plantexadas polas monitoras no xogo

Esta semana a Adeac situou a Burela entre os tres mellores concellos en educación e información medioambiental de España


Burela, 13 de maio de 2022.-  A Aula Gaia do Concello de Burela segue coas actividades destinadas aos escolares do municipio para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente en valores ecoloxistas e do coidado da natureza.

Nesta ocasión, estiveron na aula de 4º de primaria do Ceip Vista Alegre co “Xogo do mundo limpo”, unha versión da coñecida e tradicional oca para comprobar os coñecementos do alumnado e fomentar os bos usos na reciclaxe e respecto ao medio. 

Coas aspiracións postas en finalizar o xogo acadando a casilla do “mundo verde”, as nenas e nenos dividíronse en catro equipos separados por cores, superando mediante as “pegadas verdes” cada unha das preguntas que se realizaban, tales como respostar que tipo de residuos se botan ao colector amarelo ou onde se deben botar os panos de mesa de papel que se emprega á hora do xantar.

A acollida foi moi boa e os equipos centraron todos os seus esforzos en completar o xogo, aprendendo con esta modalidade da gamificación e dun xeito dinámico e interactico moitas cuestións arredor do coidado ao medio ambiente.

Neste senso, en días pasados a Adeac (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) destacou a Burela entre os tres mellores concellos en educación e información mediombiental de toda España, unha distinción que se fundamenta no traballo constante do concello por inculcar nos distintos sectores da poboación a perspectiva da ecoloxía e o respecto ao medio.