• Galego
  • Español

Alfredo Llano considera interesante o proxecto presentado por unha firma noruega, que está interesada en instalarse en Burela

O alcalde, Alfredo Llano, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da firma noruega que está interesada en instalar unha planta de produción de salmón na zona do Berbés. Ocupará 25.000 metros cadrados, o investimento situarase entre os 36 e os 40 millóns de euros, producirá 3 millóns de quilos de salmón ao ano e creará arredor de 60 ou 70 postos de traballo. O obxectivo é que bote a andar o vindeiro verán. O rexedor considera que se trata dun proxecto interesante e subliña que o Concello dará todas as facilidades posibles para a súa instalación en Burela. A firma atópase traballando nas tramitacións administrativas.

Alfredo Llano contou que “tivemos unha reunión con responsables da factoría de cría de salmón que amosa un interese enorme en instalarse aquí en Burela. Estivemos falando das características técnicas. É unha factoría que vai facer un investimento entre 36 e 40 millóns de euros, a capacidade de produción que vai ter será de 3 millóns de quilos ao ano e serán salmóns comercializados cun peso de entre cinco e seis quilos. Vai ocupar unha superficie total duns 25.000 metros cadrados e instalarase no polígono industrial do Berbés, no porto de Burela”.

O alcalde explicou que “pretende iniciar a súa andaina en xullo do ano 2021. Están traballando nos trámites a través dos organismos competentes diante da Xunta de Galicia, de Portos de Galicia, de Augas de Galicia e de Costas para ir apurando e vendo a mellor maneira de poder instalar esa factoría”.

Llano subliñou que “é un proxecto interesante e no Concello facilitaremos todo o que sexa bo para Burela. Estivemos falando da necesidade de auga e de enerxía porque isto move moitos aspectos. Van contar ademais con empresas da zona para complementar certa distribución e algunha parte do tratamento do salmón. Pretenden crear entre 60 e 70 postos de traballo, que non está nada mal, agora mesmo é un motivo de optimismo”.

O rexedor engadiu que “elixiron Burela porque viron que era un concello bo para esta industria e están moi interesados. Nosoutros, desde o Concello, facilitaremos ao máximo posible tanto a esta empresa como a calquera outra para que haxa actividade social e económica”.

Declaracións do alcalde (mp3)

Axudas polo covid-19

O alcalde burelés confirmou que “rematado, onte ás dez da noite, o prazo de petición de axudas para autónomos e comerciantes que se viron afectados polos peches ocasionados polo Covid-19, andamos nas 120 axudas solicitadas. Agora trataremos de resolvelas o antes posible e dar esas axudas tamén o antes posible. Temos que facer os trámites para comprobar as peticións que se formulan, pero espero que todo o mundo poida acadar aquilo para o que o solicitou”.

Declaracións do alcalde (mp3)