• Galego
  • Español

Abre o prazo de inscrición para participar no Gran Karaoke das Festas Patronais de Burela os días 1 e 2 de xuño

Terá lugar no Auditorio Municipal e os participantes concursarán nas categorías infantil, xuvenil e senior

A inscrición poderá realizarse ben de xeito presencial na Casa da Xuventude, chamando por teléfono no 982 58 11 41 ou ben enviando un mail a casaxuventude@burela.org

O concelleiro de Cultura, Jose Díaz, convidou a participar a todas as persoas interesadas neste evento que xa supón un atractivo que goza de gran 
popularidade en Burela


Burela, 12 de maio de 2022.-  A concellería de Cultura anuncia que hoxe abre o prazo de inscrición para participar no Gran Karaoke que se celebrará no marco das Festas Patronais. O Auditorio Municipal dará cabida a este evento o mércores día 1 e o xoves día 2 de xuño, agardando a boa acollida que tivo en pasadas edicións.

Os participantes distribuiranse nas categorías infantil e xuvenil, que interpretarán as súas pezas o mércores a partir das 20:30 horas, e na categoría senior para adultos, que comezará o xoves ás 21 horas.

Para poder inscribirse, as persoas interesadas poderán empregar distintas modalidades, ben achegándose presencialmente á Casa da Xuventude sita na rúa do Cancelo nº 1, chamando por teléfono ao 982 58 11 41, ou ben enviando un correo electrónico á dirección casaxuventude@burela.org. Os datos que deberán facilitarse son o nome e apelidos, idadade, número de contacto e canción que cantará e autoría da mesma.

Desde a organización elaborarán unha lista de participantes en función das categorías, e poderase facer un ensaio previo o propio día da actuación. O formato é similar ás edicións anteriores, con entrada libre e gratuíta ao auditorio.

O edil de Cultura, Jose Díaz, convidou a participar “a todas as veciñas e veciños que o desexen porque este Gran Karaoke xa se consolidou como unha cita que esperta gran interese en Burela e que ten moita popularidade, supoñendo un atractivo que enche o noso auditorio e que permite complementar as festas con música, participación e diversión”.