Aberto o prazo de inscrición na sexta edición da Carreira Popular `Burela Bonita´
Terá lugar o sábado 30 de xullo a partir das 19 horas, con saída e meta na Praza da Mariña
Haberá categorías para Pícaros, Benxamíns, Alevíns, Infantís e Cadetes, así como a Competición Absoluta de 5000 metros
As inscricións, que deberán ser online a través da web championchipnorte, poderán realizarse ata o mércores 27 de xullo
Burela, 30 de maio de 2022.- A concellería de Deportes anuncia que xa está aberto o período de inscrición para participar na sexta edición da Carreira Popular “Burela Bonita”, que se celebrará o vindeiro 30 de xullo a partir das 19 horas con saída e meta na Praza da Mariña.
A competición realizarase sobre un circuíto urbano pechado á circulación de vehículos, tendo que percorrer 100 metros a categoría de Pícaros, 650 metros os Benxamíns, 1200 metros Alevíns, 1799 metros Infantís e Cadetes.
A competición absoluta será de 5000 metros, que os e as participantes deberán percorrer nun máximo de 50 minutos. O sistema de cronometraxe da proba será mediante chip, publicándose a clasificación oficial os días posteriores ao evento na páxina web runfozrun.com. ou championchipnorte.com
A inscrición, que deberá realizarse nesta última páxina web, estará limitada a 300 corredores para a carreira absoluta, 100 corredores para a categoría de Pícaros, 100 para Benxamíns, 100 para Alevín, e outros 100 para a carreira Infantil e Cadete. O prazo finaliza o mércores 27 de xullo ás 23:59 horas.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, animou “a todos os amantes do deporte a participar, tamén nas categorías inferiores para fomentar o deporte desde idades tempranas, que se vexan motivados por este tipo de eventos deportivos que imos retomando despois de anos de restricións por mor da pandemia, e que agardamos que se desenvolva xa con normalidade para desfrute e goce de veciños e visitantes”.
Todas as persoas participantes levarán de agasallo unha camiseta conmemorativa e avituallamento ao finalizar o evento. Entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados, masculino e feminino, de cada categoría, agás na de Pícaros que levarán medalla todos por ter participado.