• Galego
  • Español

A UAD de Burela leva a cabo unha campaña de prevención en relación á VIH-SIDA e outras Infeccións de Transmisión Sexual (ITS)

 

  • A UAD celebrou o VI Certame de Arte para Calendarios, baixo o lema “PREVIR A SIDA DÍA A DÍA”, para reforzar a prevención do VIH durante todo o ano

Burela, 1 de decembro do 2025. A Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Burela desenvolve este 1 de decembro unha nova campaña con motivo do Día Mundial da SIDA, centrada na prevención do VIH-SIDA e doutras ITS. Este ano tivo lugar unha nova edición do Certame de Arte para Calendarios de Parede, que chega á súa sexta convocatoria. A UAD lembra que o eslogan que acompaña á campaña dende hai dúas décadas é “PREVIR A SIDA DÍA A DÍA”, empregado para reforzar que a prevención debe estar presente ao longo de todo o ano.

O calendario escollido para 2026 incorpora un traballo de Kevin López Orosa, estudante do ciclo de ensinanza e animación sociodeportiva do IES Monte Castelo de Burela. A distribución realizarase ao longo do día nos centros educativos, centros sanitarios, farmacias e organismos públicos da localidade.

Tamén se recoñeceu o mellor lema, galardón que recaeu en Lucas Iglesias Amor, alumno do mesmo ciclo, coa mensaxe: “A PREVENCIÓN NON SE VE… PERO PROTÉXETE”.

A entrega dos premios tivo lugar no IES Monte Castelo, coa participación do Concelleiro de Xustiza Social e da traballadora social da UAD.

Con motivo da campaña, o concelleiro, Mario Pillado, salientou que “o obxectivo é lembrar que a prevención non debe quedar reducida a un só día, senón que debe formar parte da rutina da cidadanía ao longo de todo o ano”. Engadiu ademais que “é fundamental que a mocidade coñeza as vías de prevención, contaxio e tratamento do VIH, e que a información axude a derrubar prexuízos e a favorecer a integración das persoas portadoras do virus”.