• Galego
  • Español

A Subdelegada do Goberno e a Alcaldesa de Burela supervisan o avance das obras no paseo da Marosa

  • Durante a visita comprobouse a evolución dos traballos de rehabilitación e mellora da contorna, que inclúen novos miradoiros e zonas de descanso para a cidadanía

Burela, 31 de outubro de 2025. A alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, acompañaron onte á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e ao persoal do Servizo Provincial de Costas, nunha visita ás obras que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) está a executar no paseo da Marosa.

A actuación, enmarcada no plan de conservación e mellora do litoral burelés, céntrase na rehabilitación e reforzo da estrutura costeira, así como na mellora da contorna. O proxecto inclúe a creación de zonas de descanso e miradoiros, co obxectivo de ofrecer un espazo máis accesible, seguro e respectuoso co medio natural.

Durante a visita, o persoal técnico de Costas explicou o desenvolvemento das diferentes fases da obra e as actuacións previstas nas próximas semanas.

A alcaldesa, Carmela López, destacou que “estas obras representan un paso adiante na posta en valor do noso litoral e na creación de espazos pensados para o desfrute da veciñanza e das persoas que nos visitan”, e subliñou “a boa coordinación entre o Concello e Costas do Estado neste proxecto e noutros que se están a desenvolver en diferentes puntos do municipio”.