A mocidade de Burela participa na “Ruta Guiada: Tódolos ODS son locais”
- A actividade organizada en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, permitiu descubrir distintos espazos da vila vinculados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible mediante códigos QR e realidade virtual
Burela, 10 de outubro de 2025. Onte desenvolveuse en Burela a actividade “Ruta Guiada: Tódolos ODS son locais”, organizada polo Concello de Burela en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no marco do programa People & Planet. A proposta, dirixida á mocidade de entre 12 e 18 anos, permitiu percorrer distintos puntos da vila asociados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
A ruta comezou nas oficinas do CIM (Centro de Información á Muller), onde as persoas participantes descubriron información sobre o ODS 5: Igualdade de Xénero a través dun código QR. O percorrido continuou pola Estación de Autobuses e Tren (ODS 11: Comunidades sostibles), os Hortos Urbanos (ODS 2: Fame cero) e a Fonte de Neptuno (ODS 6: Auga limpa e saneamento).
Na Casa da Xuventude, o grupo puido coñecer tamén o ODS 13: Acción polo clima, vinculado ao Monte Castelo, e o ODS 14: Vida submarina, asociado á Praia da Marosa. Estes dous obxectivos exploráronse mediante unha experiencia inmersiva con gafas de realidade virtual, facilitadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O primeiro tenente de alcalde, Mario Pillado, destacou que “a mocidade participou con moito interese e entusiasmo nesta iniciativa, amosando curiosidade por coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a súa aplicación práctica no noso municipio. A experiencia coas gafas de realidade virtual resultou moi enriquecedora e contribuíu a comprender de maneira máis directa e visual o significado de cada ODS”.
Pillado explicou tamén que “as gafas de realidade virtual permanecerán en Burela durante un tempo, polo que animamos a todas as persoas interesadas a achegarse á Casa da Xuventude para experimentar esta ferramenta educativa”. O horario de apertura é de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e polas tardes, de luns a xoves, de 17:00 a 20:00 horas.
Do mesmo xeito, esta mañá o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro visitou as instalacións da Casa da Xuventude, onde puideron coñecer a obra exterior que se vai levar a cabo, así como a Aula de Xogos e os dispositivos de realidade virtual cedidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Pillado destacou que “foi unha visita moi positiva, na que o alumnado se interesou polos recursos dispoñibles na Casa da Xuventude”. E finalizou afirmando que “agardamos que volvan proximamente para seguir participando nas actividades e probar estas novas ferramentas dixitais”.