• Galego
  • Español

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, anuncia a volta a Burela do programa Porta a Porta de consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía e memoria

Destes servizos poden beneficiarse persoas maiores de 55 anos solicitando cita previa no teléfono 622 748 283 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

O autobús onde se realizan as consultas estará situado na Praza do Concello de Burela os días 9, 10 e 11 de novembro

Burela, 17 de outubro de 2022.-  O Concello de Burela informa de que o programa Porta a Porta da Xunta de Galicia chegará de novo á localidade no mes de novembro, concretamente os días 9, 10 e 11 de dito mes.

O programa ofrece consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria destinado a todas as persoas maiores de 55 anos que así o desexen, con cita previa e de xeito gratuíto.

O autobús do Porta a Porta estará na Praza do Concello de Burela co fin de prestar servizos asistenciais ás persoas maiores, debendo solicitar cita previa no teléfono 622 748 283 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, animou a todas as persoas que cumpran os requisitos “a solicitar cita e beneficiarse desta oportunidade gratuíta que se ofrece por segunda vez”, incidindo na necesidade “de revisar a nosa saúde periodicamente e detectar calquera problema que exista”.

No servizo de podoloxía farase unha consulta básica, valorando o estado xeral do pé, así como un corte e limpeza de unllas e eliminación de durezas, calos e helomas. En audioloxía realizarase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Coa estimulación cognitiva, un profesional fará unha valoración cognitiva e achegará as pautas desde unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro en caso de habelo.

O prazo de inscrición xa está aberto para todas as persoas interesadas e que cumpran os requisitos.