A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, agradece a colaboración do persoal municipal e da Policía Local para proceder ao reparto de alimentos entre as familias máis vulnerables de Burela
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, agradece a colaboración do persoal municipal e da Policía Local para proceder ao reparto de alimentos entre as familias máis vulnerables de Burela.
A edil subliñou “a colaboración, a implicación total e o traballo en equipo que se está a desenvolver estes días de confinamento para poder chegar a todas as familias que máis o necesitan de Burela, co obxectivo de evitar que teñan que saír das súas casas”.
Carmela López contou que “continuamos co reparto de alimentos para as persoas incluídas no programa Fega, o Fondo de Axuda Europea destinado aos máis desfavorecidos. Son produtos non perecedoiros que chegan e se reparten semestralmente. E tamén recollemos froita e verdura do Banco de Alimentos de Lugo, na súa delegación para A Mariña, que está situada en Foz, para facérllelo chegar ás familias incluídas neste programa por parte do Concello e de Mulleres en Igualdade. Son un total de 80 familias as que reciben esta axuda cada 15 días”.
A concelleira de Servizos Sociais agradeceu tamén a colaboración de ABSA, “xa que doou 90 pezas de pescada do pincho, en total uns 200 quilos, para facer a súa achega a ese reparto de alimentos frescos e que así as familias poidan desfrutar dun confinamento mellor e dunha alimentación o máis completa posible. Na limpeza e empacado da pescada participaron exportadores do porto de Burela, aos que tamén lles quero agradecer o seu traballo”.
Carmela López da as grazas “á Policía Local, ao persoal municipal, aos voluntarios da delegación do Banco de Alimentos de Lugo en Foz e á asociación Mulleres en Igualdade, por este traballo en equipo que estamos a realizar neste tempo tan complicado que nos toca vivir”.
Fonte: Crónica 3