• Galego
  • Español

A Casa do Concello de Burela acolle un obradoiro contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas

  • Impartido por Carmen Abuín, será este xoves, día 17 de setembro, no salón de plenos

Burela, 15 de setembro de 2026. A Casa do Concello de Burela acolle un novo obradoiro contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na provincia, que conta co apoio da Deputación de Lugo. Será este xoves 17 ás 19:00 no Salón de Plenos, será impartido por María del Carmen Abuín González e enmárcase no proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo CPXG.

O acto está dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta. A poboación desta localidade poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas. A asistencia ao acto é libre e gratuíta.

O taller de Burela será unha parada máis na Mariña desta experiencia que leva a loita contra a desinformación a unha vintena de localidades lucenses. A poñente Carmen Abuín González é licenciada en Ciencias da Información, ten experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e é docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas.

Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

Obradoiros contra a desinformación

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación.

É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.

Os obradoiros contra a desinformación percorren, ademais de Burela, concellos como Barreiros, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.

Estarán impartidos, ademais de por Carmen Abuín, por profesionais colexiados e colexiadas como Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.