• Galego
  • Español

A CASA DE GALICIA EN MADRID ACOLLERÁ O 19 DE XANEIRO A PRESENTACIÓN DA XIX FEIRA NÁUTICO-PESQUEIRA EXPOMAR. ARREDOR DE CEN PERSOAS FORON CONVIDADAS A ASISTIR.

A Casa de Galicia en Madrid acollerá o 19 de xaneiro a presentación da XIX Feira Monográfico Náutico-Pesqueira Expomar. Será nun acto ás sete da tarde e ao que foron convidadas un cento de persoas, segundo deu a coñecer o alcalde, Alfredo Llano. Despois haberá unha degustación de peixe de Burela patrocinada pola Consellería do Mar.

O rexedor dixo que “estamos moi ilusionados con esta cuestión porque é unha oportunidade de poder presentar unha feira destas características, importante para Burela, na Casa de Galicia en Madrid. Falei co responsable e non houbo pega ningunha para organizar esta presentación para o día 19 deste mes as sete da tarde”.

Llano considera que “este ano debe ser unha feira exposición náutico pesqueira exemplar, ata onde nosoutros poidamos chegar. Hai que darlle moita importancia á pesca, polo tanto todas as facilidades, todo o apoio e toda a información que se poida aportar desde o Concello e desde Expomar vamos facelo decididamente. Vamos ter alí uns 100 invitados, que moitos deles xa confirmaron e son xente do sector náutico pesqueiro e a representantes das diferentes institucións. Creo que teremos un ambiente moi diverso e espero que teña moito interese en este tipo de eventos”.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde burelés lembrou a importancia desta cita: “esta feira náutico pesqueira é unha das máis importantes que se celebran agora no estado español, xunto coa de Vigo e coa do País Vasco, en Bilbao. Expomar agora mesmo é unha das fortes que se poden ver no noso territorio, así que consideramos que debe presentarse en Madrid pola importancia que ten para que chegue ao máximo ás institucións e á xente profesional e aos colectivos que dalgunha forma teñen representación náutica ou pesqueira”.

Alfredo Llano explicou que “queremos facer unha boa presentación, explicar claramente que é o que pretendemos con esta feira, que é defender o sector náutico pesqueiro e explicar que tipo de evento vai haber aquí: aparte da propia exposición, onde estarán todas as tecnoloxías, os novos métodos, a nova normativa, facemos conxuntamente o encontro empresarial, que sempre é moi importante, e tamén imos ter as xornadas técnicas, nas que se vai explicar e ver a preocupación o sector pesqueiro”.

Para o alcalde de Burela “a presentación en Madrid vai ter a súa capacidade de convocatoria e vai servir para darlle dimensión e importancia a esta feira exposición. Ademais coincide coa celebración da feira de turismo Fitur e polo tanto moita da xente que vai ir a ese evento tamén poderá estar na nosa presentación ás sete da tarde. Haberá unha mesa na que estarán responsables de Expomar, o director da Casa de Galicia e representantes do sector. Queremos que dalgún xeito todos poidamos explicar con toda claridade a importancia desta nova edición de Expomar”.

Feira do Bonito

O mesmo 19 a mediodía Alfredo Llano participará nun acto en Fitur para promocioar a Feria do Bonito: “este ano Turismo de Galicia invitounos a presentar en Fitur a Feira do Bonito nun evento dedicado ás festas gastronómicas de interese turístico nacional. A Feira do Bonito así foi declarada no ano 2019 e vamos falar un pouco deste evento tan especial para nosoutros, que é moi importante tanto para o sector pesqueiro como para turismo e para a xente de Burela”.

O alcalde burelés contou que “vamos explicar como se conseguiu que fose de interese turístico nacional e o que se fai nesta feira que se celebra o primeiro sábado de agosto e na que xuntamos moita xente. Non se trata soamente de contar o interese turístico que ten senón que tamén debemos explicar moi ben que o bonito en Burela sempre se pescou dunha maneira especial, respectando a especie e conseguindo unha calidade suprema porque o transporte no barco sempre se fixo de maneira que non se danase o túnido. Non se trata soamente de contar que o bonito se pode comer de múltiples formas senón tamén de que a xente saiba que o bonito é pescado dunha maneira especial porque iso é o que lle dá singularidade e importancia a este peixe que queremos tanto. Así que vamos explicar todo isto o día 19, xoves, ás tres da tarde no stand de Galicia en Fitur”.