A Casa da Cultura de Burela acolle a exposición Os Maragatos da Porta de San Pedro
- A mostra será inaugurada ás 13:00 de mañá, día 17 de xuño, e estará dispoñible ata o 1 de xullo
Burela, 15 de xuño de 2026. O Concello de Burela anuncia que a Casa da Cultura da localidade acollerá a exposición Os Maragatos da Porta de San Pedro, organizada polo Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro.
Despois de percorrer diversas cidades e vilas de toda Galicia, de León e de Salamanca, a mostra chegará a Burela ás 13:00 horas de mañá, día 17 de xuño, e estará dispoñible ata o 1 de xullo.
A exposición está composta por doce paneis en galego e castelán, e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entregará gratuitamente aos visitantes.
A historia narrada na mostra comeza en 1880, cando a primeira xeración de maragatos da Porta de San Pedro, en Lugo, se asentou fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense.
Tratábase do matrimonio formado por Tomás Perez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, Tomás Pérez-Carro García, nado en Lugo en 1895.
Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar a súa historia, a súa procedencia leonesa e o asentamento en Lugo. Tamén a súa especial vinculación co comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro a máis nova dos membros da terceira xeración, María del Carmen Pérez-Carro García.
A concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, convida á veciñanza a asistir a visitar esta mostra para coñecer esta "interesante historia de migración e intercambio cultural con epicentro na nosa provincia".