A carreira 15K ocasionará cortes no tráfico o vindeiro domingo, 11 de xuño, en Burela
Burela, 9 de xuño de 2023. A carreira 15K ocasionará cortes no tráfico o vindeiro domingo, 11 de xuño, en Burela segundo deu a coñecer o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.
O edil burelés explicou que “a carreira vai vir por toda a contorna do Cantiño, entón nesa zona imos ter algunha limitación de tráfico para poder garantir a seguridade dos corredores, así como na rúa do Mariñeiro, que imos tentar habilitar un carril para os participantes na carreira e outro para as posibles saídas dos garaxes da veciñanza desta rúa”.
Fernández Rey contou que “tamén imos ter as carreiros dos nenos, que van ser pola mañá de 9:15 a 10:30 horas aproximadamente, e que van afectar ao paseo marítimo. Na zona da praia urbana é onde se van desenvolver estas carreiras e afectarán, como dicía, ao paseo marítimo onde estará restrinxida a circulación”.
O concelleiro de Deportes seguiu a relatar que “tamén na Avenida da Mariña, desde a Travesía do Porto ata a rúa Beiramar durante a celebración da proba tamén vai estar limitado o tráfico. En Eijo Garay teremos tamén algún corte mentres van chegando os corredores, esa rúa vai estar cortada desde a ponte da vía de Feve ata Pardo Bazán”.
Ramiro Fernández dixo: “queremos pedirlle á xente que circule con coidado polas rúas de Burela durante a mañá do vindeiro domingo. Os cortes produciranse entre as 11 e as 14 horas, posiblemente sexa algo menos pero queremos curarnos en saúde”.
E engadiu: “esta é unha proba que se leva celebrando moitos anos, unha proba que é bonita e que serve como irmanamento entre Foz e Burela, e que nos gusta que teña a súa chegada aquí na Praza do Concello para que os corredores poidan gozar de toda esta costa que temos”.