A Alcaldesa de Burela pide á Xunta que deixe de confundir mantemento con investimentos estruturais no CEIP Vista Alegre
Burela, 23 de maio de 2026. A alcaldesa de Burela, Carmela López, lamentou as declaracións realizadas polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nas que atribuía ao Concello unha suposta falta de mantemento no CEIP Vista Alegre.
López considera “profundamente inxusto” responsabilizar ao Concello do estado dun edificio con máis de 40 anos de antigüidade cando o propio centro educativo, a ANPA, o Consello Escolar e a comunidade educativa levan anos reclamando actuacións estruturais á Xunta de Galicia.
“O Concello leva anos facendo o mantemento que lle corresponde e asumindo os custos derivados desas actuacións: reparacións puntuais, cambios de ubicación de aulas, adaptacións e actuacións na instalación eléctrica para poder realizalos, traballos de fontanaría, pintura, conservación, avarías e incidencias do día a día. Incluso asumindo en moitas ocasións gastos e reposicións de elementos que exceden claramente o mantemento ordinario, co único obxectivo de que o centro poida seguir funcionando nas mellores condicións posibles”, afirmou.
A alcaldesa puxo en valor tamén o traballo desenvolvido desde a Concellería de Obras e polos servizos municipais, coordinados por Ramiro Fernández, así como a implicación diaria do persoal do propio centro educativo, que leva anos esforzándose por manter o colexio nas mellores condicións posibles pese ás deficiencias existentes.
Neste sentido, considera “inxusto” cuestionar o traballo de mantemento realizado cando hai profesionais que se preocupan cada día porque o centro funcione e estea nas mellores condicións posibles.
Neste sentido, lembra que a propia memoria elaborada pola comunidade educativa expón con claridade, fotografías e exemplos concretos as actuacións estruturais e de investimento que se lle están reclamando á Xunta de Galicia, do mesmo xeito que cando existen incidencias de mantemento ordinario son trasladadas ao Concello para a súa reparación e conservación diaria.
Carmela López insiste en que “non se pode intentar simplificar unha situación complexa dicindo que todo se resolve con mantemento”, xa que as reclamacións existentes fan referencia a humidades recorrentes, instalación eléctrica obsoleta, problemas de accesibilidade, filtracións, deterioro da carpintería, peches exteriores ou eficiencia enerxética.
“Isto non vai de cambiar unha billa ou pintar unha parede. Vai de afrontar investimentos reais nun centro educativo que leva décadas precisando actuacións estruturais”, sinalou.
Desde o Concello lembran ademais que forman parte do Consello Escolar e que comparten coa comunidade educativa a preocupación pola situación do centro e a necesidade dunha planificación integral das actuacións necesarias.
“O fácil sería intentar buscar culpables ou reducir todo a unha cuestión de mantemento municipal. O responsable é asumir a realidade do centro e traballar entre administracións para darlle solución”, engadiu a alcaldesa.
O Concello de Burela reitera que continuará realizando todas as tarefas de mantemento que lle corresponden, pero pide á Xunta de Galicia “menos intentos de desviar responsabilidades e máis compromiso co CEIP Vista Alegre e coa educación pública”.