A Alcadesa de Burela participa no II Encontro Internacional de Mulleres Electas en Palma de Mallorca
- Representantes de seis concellos galegos intercambian experiencias con 140 políticas locais de 13 países sobre liderado feminino, innovación e gobernanza
Burela, 6 de novembro de 2025. A alcaldesa de Burela, Carmela López, participa hoxe e mañá no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘Les Elegides’, representando ao municipio burelés, que é socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O encontro reúne 140 políticas locais de trece países e ofrece un espazo para o intercambio de experiencias entre mulleres que exercen responsabilidades municipais en diferentes contextos e niveis de goberno.
Fortalecer o liderado das donas, reflexionar sobre as resistencias que enfrontan para permanecer no cargo e destacar o seu rol innovador na transformación dos servizos públicos son os obxectivos deste espazo de intercambio impulsado polo Fons Mallorquí de Cooperació.
Ademais da alcaldesa de Burela, Carmela López, tamén están presentes a alcadesa de Muros, María Lago, e mais as concelleiras Laura Eiras, de Muros; Patricia Lojo e Amparo Cerecedo, da Pobra do Caramiñal; Pilar Barja, de Bergondo; Patricia Diego e Estela Pérez, de Nigrán, e Noelia Freijeiro, de Malpica de Bergantiños, participan nas xornadas a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, co apoio da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo.
Baixo o lema ‘Liderado, innovación e boas prácticas desde o Sur e o Norte Global’, o encontro aborda estratexias para fortalecer as redes de electas e a súa influencia na gobernanza local.
Segundo datos de ONU Mulleres, só o 35,5% das persoas que ocupan cargos en órganos deliberativos locais no mundo son mulleres, o que evidencia a necesidade de seguir promovendo espazos de diálogo, colaboración e aprendizaxe compartida.
Entre a vintena de conferenciantes de Europa, África, América Latina e o Mediterráneo que interveñen en ‘Les Elegides’ destaca Hanan Kaoud, concelleira de Ramala (Cisxordania) e experta en xénero, quen visitará a próxima semana oito concellos galegos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.