Igrexa da Vila do Medio

Chagamos ao fin do noso paseo e facémolo nun dos puntos máis representativos do barrio: a súa igrexa.

No século XII menciónase a existencia da igrexa de sancta Maria de Burela, da que descoñecemos a fundación e lugar no que se situaba, podendo ser o mesmo que o do tempo actual.

É na segunda metade do século XV cando hai máis certeza de que a igrexa está no lugar que ocupa hoxe en día. No século XVI, Pedro de Bolaño, o señor de Burela naquela altura, resolveu ser sepultado neste lugar.

No seu interior atopamos unhas pinturas murais de autor descoñecido que conforman un conxunto homoxéneo en canto a estilo, composición, cor e argumento. Decoraban ambas paredes laterais e representan a Paixón de Xesucristo. Hoxe podemos ver o lugar no que se situarían seis destas escenas, no lado dereito, todas separadas por cenefas de motivos xeométricos. Delas xa só se poden apreciar dúas: ‘a flaxelación’ e ‘as santas mulleres ante o sepulcro’.

Estas pinturas, feitas con propósito didáctico, foron tapadas con cal por razóns hixiénicas anos despois de seren realizadas. Así se mantiveron ata o século XX e ese foi tamén o motivo de que chegasen a nós.

Non existe unha datación exacta para estes murais. Trátase dun estilo gótico tardío que se podería situar nos séculos XV e XVI.

A inicios do século XVIII a igrexa amplíase dando orixe á capela do Carme. Esta ampliación viña dada polo aumento da poboación na vila, que gozaba dunha boa economía grazas á caza de baleas que se viña practicando desde o século XVI.

Xa no século XX, a pesca e en concreto a pesca do bonito, fan que a poboación se achegue ao porto, que era a principal fonte de ingresos, trasladándose o centro de Burela á súa parte baixa. A Vila do Medio e a economía rural perden vida e no ano 1962 inaugúrase a nova igrexa parroquial. Nese momento, a da Vila do Medio péchase e queda esquecida, caendo parte do seu teito e desaparecendo moitos dos seus bens.

Foi no ano 1973 cando as pinturas reaparecen baixo capas de cal e comeza a súa nova posta en valor. Reabre no ano 1994, momento no que volve a ela a imaxe da Virxe do Carme.

A igrexa ten planta rectangular e cuberta a dúas augas con estrutura interior de madeira. A fachada principal e o seu campanario datan do século XVIII.

Fonte: Aurelia Balseiro e Herminia Pernas

A igrexa abre só en horario de misa (de setembro a maio, os últimos venres de mes ás 20:00h. De xuño a setembro todos os venres ás 20:00h) e nas visitas guiadas organizadas polo Concello. Pode consultar aquí os horarios e forma de reserva: https://turismo.burela.org/gl/mais-ala-do-mar

Para saber máis sobre a igrexa e as súas pinturas pode consultarse o seguinte enlace: https://burela.org/gl/patrimonio-arquitectonico

 

Aquí remata o percorrido proposto pola Vila do Medio, pero queda moita Burela por percorrer. Burela de Cabo e o Vilar son os outros dous barrios históricos nos que podemos seguir vendo arquitectura tradicional e pegadas do noso patrimonio etnográfico. O porto, alma da actual Burela, ofrece murais que representan a vida mariñeira da vila, que tamén podemos apreciar paseando polo peirao.

Ao longo do paseo marítimo cara a Marosa veremos as praias, a forza do mar e a xeoloxía granítica, resaltando as diáclasas ortogonais que atoparemos xa cara o final. Pola contra, se camiñamos ata o Cantiño, apreciaremos cantís, arcos que se foron erosionando nas rochas e cavidades mariñas. Unha beleza natural que paga a pena gozar.

Por último, a mellor forma de ver Burela desde o alto é subindo ao Monte Castelo, que ofrece unha panorámica de toda a costa desde Tapia de Casariego ata Cabo Morás.