Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Burela no Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como expresión institucional da crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras, grazas ao impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), think tank de relacións internacionais centrado na promoción de Galicia no exterior, xunto a once concellos galegos (Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Oleiros e Porto do Son) e ao apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xunta de Galicia, Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e a Oficina de Información da ONU en Madrid.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades Norte-Sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.
O Fondo Galego é un espazo transpartidario e plural, libre de personalismos políticos, inspirado pola vontade de consenso e pola idea de que a solidariedade e a cooperación internacional deben ser áreas de colaboración e non de confrontación.
O Concello de Burela forma parte do Fondo Galego dende 2007, cando nun contexto de comezo de crise económica se presentaba como unha boa ferramenta para a cooperación local.
Como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o Concello de Burela intenta participar dunha maneira activa no mesmo, polo que se realizan mediante este Fondo diversas actividades para fomentar e sensibilizar á poboación de Burela, (tanto de xeito colectivo como con grupos particulares como alumnado dos distintos colexios e institutos, administración…) no campo dos dereitos humanos, refuxiados, migracións, igualdade, sostibilidade, comercio xusto, educación, cooperación….
Organizáronse distintas exposicións en diferentes lugares; tanto na Casa da Cultura, como en colexios e institutos, cafeterías, farmacias, centro de saúde, prazas públicas… Algunhas delas foron “A paz: cuestión de Fondo”, “Nicaragua; unha realidade viva”, “O bo Café: bo para todos”, “Obxectivos do Milenio”, “Nutrición e Desenvolvemento. Dereitos da infancia”, “Galicia-CaboVerde; unha irmandade”, “A escola, camiño do futuro”, “Imaxes con Fondo”, “20 anos a fondo coa solidariedade”, “No colo da esperanza”, “Miradas dende Guinea Bissau”, “ Dereitos humanos en Mozambique”..
Tamén se ofertaron Contacontos e Obras de teatro como “Contos coas mans abertas”, “Antía, Wamba e o regato pequeno”,” Ti tamén contas”, “Contamos todas”, “ O Valo”, “Vaia Tela”..
Ademais ofrecéronse charlas sobre Dereitos Humanos, ciclo de cine infantil sobre valores, actividades diversas con visitas de representantes de distintos países, Obradoiros de fotografía social e Debuxo urbano, Sensibilización nos colexios mediante programas con outras asociacións, feira do comercio xusto, charlas sobre xestión de recursos naturais, vacacións con traballo con técnicos doutros países no noso concello.
Todas estas actividades, ben propias do Fondo Galego ou baixo a súa colaboración e implicación, axudan a sensibilizar á totalidade da poboación en aspectos fundamentais para unha vida digna tanto para nós como en tódolos lugares do planeta.
Dende o Concello de Burela agardamos que esta relación permaneza por moito tempo mais.
