Datos Xerais

Limites xeográficos

O Concello de Burela está situado ao norte de Galicia, na provincia de Lugo, cun territorio de 8,2 km². no que se asentan ao redor de 10.000 habitantes. Dista da capital da provincia 106 km. As súas coordenadas xeográficas 3º 41 20 de lonxitude oeste do meridiano de Madrid e 43º 39 29 de latitude norte sitúana nun dos lugares máis setentrionais da península. Limita ao norte e ao leste co mar Cantábrico, polo sur co Concello de Foz e ao oeste co Concello de Cervo.

Clima

Pertence ao clima oceánico e pola súa situación costeira a temperatura é moderada. A súa posición, a súa climatoloxía suave, ademais da súa morfoloxía plana con bos accesos axudaron a asentarse á poboación, servindo de porta de entrada, como o demostran os restos arqueolóxicos de castros ao longo do litoral. Un exemplo é o castro de Burela ou o de Fazouro. O terreo é fértil e pizarroso, atravesado por varios regatos todos de curso perenne e escaso caudal.

Relevo

Burela está situada na chamada "Mariña lucense". A provincia de Lugo está formada por unha ampla meseta cunha altitude media de 450 m. O bordo norte desta meseta córtase na forte caída cara ao Cantábrico onde se forma a rasa, superficie plana que se sitúa entre o mar e os contrafortes montañosos. Esta rasa cantábrica esténdese case de forma continua desde Burela (Lugo) ata San Vicente de Barqueira (Santander). O sector occidental desta rasa comeza en Cudillero (Asturias) e remata no macizo granítico de Burela e a súa altura vai decrecendo desde o 160 m. ata o 5 m. en que se atopa a capital do Concello. Desde o punto de vista tectónico destacan en Burela a existencia de grandes pregues deitados e moi apretados. Estes pregues quizá correspondan á primeira fase da deformación herciniana. Actualmente existen no Concello canteiras en explotación (algunha abandonada) onde se poden apreciar os distintos sedimentos de varios metros. Tamén no porto de Burela obsérvase unha serie de pregues e o contacto entre o granito e as cuarcitas, así como as fallas que leva asociadas. No ámbito concreto do Concello de Burela atópanse as elevacións seguintes: Monte de Vilar, Pena da Guía, Puída, Monte Castelo, Monte Buio (que serve de límite para os Concellos de Foz, Burela e Cervo) e Monte Berdión.

Flora e fauna

As especies vexetais máis comúns son: " toxeiras", produto da deforestación do monte, "Salgueiros", " Piñeirais", actualmente só constitúen o 10% da superficie nas catro provincias. " Eucalyptus", durante os últimos 25 anos é a especie máis cultivada para o aproveitamento da súa madeira na fabricación de pasta de celulosa e tamén como borde protector e paramento doutras plantacións. Por último, as " xunqueiras marítimas".

Respecto a a fauna que existe no Concello de Burela, hai que sinalar a fauna de monte: corzo, xabaril, raposo, esquíos, e martas; e aquela propia das zonas costeiras: aves marítimas como as gaivotas e os corvos mariños; e crustáceos como as lapas, vígaros ou caramuxos, ourizos... ademais de abundancia de moluscos que farán máis tarde as delicias da nosa aclamada gastronomía. Na imaxe, o Bonito do Norte, o Príncipe Azul..., de Burela.

Demografía

Segundo os datos que reflicte o INE (Instituto Nacional de Estatística) desde o ano 2000 ata o 2015 a poboación de Burela creceu notablemente. No ano 2000 contaba cunha poboación total de 8045 habitantes, pasando polos 9670 nos anos 2013 e 2014. Segundo os últimos datos (2015) , o pobo conta con 9580 habitantes. Aproximadamente o 50,40% son mulleres e o 49,60% restante, homes.