A Arte do Tourette

sábado, 3 Outubro, 2026 - 20:00

Casa da Cultura de Burela
Sábado 3 de outubro de 2026 ás 20:00 horas

Tourette Galicia volve a Burela con “A Arte do Tourette”, pero desta volta a entrada será de balde facilitando así que todas as persoas interesadas poidan participar.

A Casa da Cultura de Burela acollerá o vindeiro sábado 3 de outubro de 2026, ás 20:00 horas, unha xornada aberta ao público que unirá divulgación, música, audiovisual e arte para achegar á sociedade a realidade da síndrome de Tourette.

É unha iniciativa que nace co obxectivo de dar visibilidade a unha condición neurolóxica aínda moi descoñecida e, en moitas ocasións, rodeada de estereotipos. Trátase dun encontro para coñecer, comprender e visibilizar a síndrome dende outra mirada.

A xornada contará coa participación de Roxana Apollonio Cabrera, neuropsicóloga especializada na síndrome de Tourette, colaboradora de Tourette Galicia, ACOVASTTA, e vicepresidenta de TTAG (Asociación Internacional) que realizará unha presentación para achegar ao público un maior coñecemento e comprensión desta condición.

Durante o evento terá lugar a presentación do videoclip “El Laberinto de Alicia”, creado en Burela con motivo do Día da Concienciación da Síndrome de Tourette. Un tema que nace do amor entre irmáns, unha historia real. Música e imaxe convértense así nunha ferramenta para sensibilizar, comprender, emocionar e cambiar miradas.

Outro dos momentos destacados será a proxección do documental “Con moito Tourette” que conta a historia dunha persoa con Tourette que atopa na arte unha forma de expresión. Neste evento o público tamén terá un papel activo a través dunha actividade interactiva, facendo da súa participación unha parte importante deste encontro.

Deste xeito, “A Arte do Tourette” convértese nun evento onde música, imaxe e arte se empregan para dar voz a tics visibles e invisibles, desafíos, talento, superación, inclusión e vida cotiá, mostrando que o Tourette é moito máis ca un tic.

“Queremos que a sociedade vexa máis alá do tic. Detrás de cada persoa con Tourette hai unha historia, capacidades, dificultades, emocións e moito que contar. Coñecer é o primeiro paso para comprender e incluír", explicaron dende a organización.

Dende Tourette Galicia convidaron "a toda a veciñanza a acompañarnos o vindeiro 3 de outubro de 2026 en Burela. Aquelas persoas que desexen colaborar coa labor que desenvolve Tourette Galicia poderán realizar unha doazón voluntaria á asociación a través de Bizum, co código 14544". Engadiron que “a través da solidariedade é posible continuar creando proxectos, acompañando ás familias e, sobre todo, dando visibilidade á Síndrome de Tourette.”

Dende Tourette Galicia tamén quixeron agradecer "especialmente a colaboración do Concello de Burela, fundamental para facer posible a celebración deste encontro, así como a participación e implicación de Roxana Apollonio Cabrera e de todas as persoas que colaboran nesta iniciativa".

Dende o Concello afirman que consideran "moi importante" colaborar con iniciativas como A Arte do Tourette, que axudan a dar visibilidade a unha realidade aínda pouco coñecida e a romper os estereotipos que existen arredor da síndrome.

Engadiron que "parécenos especialmente interesante facelo a través da arte, da música e do audiovisual, porque permite achegar esta realidade doutra maneira e, sobre todo, axudarnos a mirar máis alá do tic e coñecer as historias e as persoas que hai detrás".