Os contos do Lubicán

sábado, 17 Maio, 2025 - 18:00

Casa da Cultura de Burela
Sábado 17 de maio de 2025 ás 18:00 horas
Entrada: 3,00 Euros
Público: Familiar
Entradas á venda a partir das 17:30 horas

Os contos do Lobicán é un espectáculo de monicreques musical, en verso, áxil e atrevido, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.

O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022 e actualmente é finalista como mellor espectáculo de monicreques nos Premios María Casares. O espectáculo está inspirado no atractivo mundo de Wes Anderson onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música axudan a trasmitir os valores anteriormente mencionados. A través da riqueza da narrativa e dos seus entrañables personaxes, a función convida a nenos e nenas a reflexionar sobre o mundo que os rodea e imaxinar novas posibilidades dun futuro máis inclusivo.

Lobicán é un animaliño curioso que goza explorando o bosque e compartindo momentos coa súa familia. A pesar da súa reticencia cara á escola e o estudo, Lobicán mostra un profundo interese por aprender sobre a natureza e o mundo que o rodea. Nai Lobicana pídelle levar unha torta ao avó, e mentres Lobicán está no bosque, atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño cara á casa da súa tía Silvana. Sen importar as súas diferenzas, Lobicán e Xiana establecerán unha forte amizade que os axudará a superar perigos e desafíos.

"Os Contos do Lobicán" é unha historia conmovedora que resalta a importancia da amizade, a aceptación da diferenza e o respecto pola natureza, deixando unha poderosa lección sobre a importancia de valorar as relacións persoais e protexer o noso medio ambiente.