Visitas de centros educativos ao Barco Museo Boniteiro

No marco do seu labor didáctico, centrado na difusión do patrimonio e cultura mariñeira, e de sensibilización sobre a necesidade de empregar prácticas pesqueiras sustentables, o Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen” recibe visitas académicas gratuítas durante o curso escolar por parte de colexios, centros de educación secundaria e de bacharelato.

Froito deste compromiso, o Barco Museo foi distinguido pola ADEAC coa Bandeira Azul de Educación Ambiental e Protección dos Recursos Mariños. Nas visitas póñense en valor e divúlganse artes de pesca tradicionais e artesanais como o curricán ou o tanqueo: selectivas, sostibles e respectuosas co ecosistema dos nosos mares. Estas artes foron empregadas no noso barco ‘Reina del Carmen’ e no resto dos barcos dos portos do Cantábrico para a pesca do bonito desde os seus inicios ata a actualidade, capturando as pezas con anzol unha a unha. Tamén se explican outros métodos de pesca, prácticas e aparellos que crean un grande impacto e agresividade na flora e fauna dos nosos mares e océanos, aprendendo así a diferenza entre unhas artes e outras.

Así, o alumnado, mentres asimila a dinámica diaria dun barco das características do “Reina del Carmen” e como se capturan os peixes que despois atopan nas peixarías e nas súas casas, toma conciencia, aprendendo a identificar as prácticas prexudiciais a evitar no mar e adquirindo hábitos de pesca responsables.

Ademais, coñecerán datos curiosos que lles sorprenderán, como descubrir cal é o peixe máis veloz do océano, a diferenza de peso entre o atún e o bonito, unha cría de quenlla con dúas cabezas, o nariz dun peixe espada, a dentadura dun marraxo e ata un peixe globo.

As reservas de grupos (visitas escolares, excursións....) deben concertarse coa maior antelación posible. Pódense facer presencialmente na Oficina de Turismo, no teléfono 982 888 506, ou a través do correo oficinadeturismo@burela.org.