Fonte e lavadoiro de Lamela

Por este lugar corre a auga do río Pomeda, tamén coñecido como río da Vila ou de Cinoche, que nace nos montes máis próximos e desemboca na praia de Ril.

É aquí tamén onde atopamos a fonte e o lavadoiro de Lamela, que contan cunha pequena área recreativa ao seu redor.

Ata hai menos dun século, Burela era unha zona moi húmida que contaba con varios regos, lameiros e fontes (máis de dez en toda a vila!). Hoxe, debido á construción de novas infraestruturas e ao cambio dos cultivos no monte, estas foron desaparecendo ou baixando o seu caudal. A de Lamela é unha das que aínda resisten.

As fontes e os lavadoiros eran lugares nos que non só se lavaba a roupa e se collía auga, eran puntos de encontro que cumprían unha importante función social, sobre todo para as mulleres que eran as encargadas destes traballos. Gran parte da nosa tradición oral naceu e mantívose en lugares coma este.

Todo núcleo de poboación precisou sempre de pozos e cursos de auga preto para desenvolver as funcións básicas para a vida, e a Vila do Medio, como vemos neste paseo, tiña varios puntos de abastecemento.

Desde aquí podemos subir ao monte, seguindo a ruta circular, que nos levará primeiro ao Camiño Real a Sargadelos e despois ata o Monte Castelo.