Festas Patronais Burela 2024

venres, 24 Maio, 2024 - 21:00 a martes, 4 Xuño, 2024 - 15:00

O Concello de Burela celebrará, entre os día de hoxe, venres 24 de maio, e o martes 4 de xuño, as súas Festas Patronais na honra da Virxe do Carme e Xoán Bautista.
A alcaldesa Carmela López sinala que "imos gozar en Burela dunha ampla programación chea de novidades, na que a nova Comisión de Festas se esforzou ao máximo, intentando dar o mellor para a súa vila".
"O Enduro Monte Castelo Burela únese á programación para facer as festas ainda máis atractivas nesta primeira fin de semana", lembra a rexedora.
"Dende o Concello agardamos que estas festas sexan todo un éxito, desfrutado por igual por veciñanza e visitantes", engade López.
Serán en total 12 días de actividades, que comezarán co Día da Baixada da Vila do Medio hoxe, 24 de maio. Ás 21:00 haberá misa e procesión dende a igrexa da Vila do Medio acompañada da Banda de Gaitas Dambara, e se estreará o alumeado festivo.
"Estreamos unha iluminación decorativa especial, un teito de guirnaldas na rúa Eijo Garay, pola que discorre parte da alfombra floral, para rematar nunha espectacular portada personalizada á entrada do porto", destaca a concelleira de Festas, Patricia Eijo.
Eijo pon en valor "a alfombra floral que se leva facendo desde hai 31 anos por parte dos veciños e veciñas de Burela, e que nos emociona tanto no transcurso da procesión do sábado". "Este ano estará adicada ao centenario da Confraría", indica.
O 25 de maio será a quenda do comezo do Enduro Monte Castelo e mais do tradicional Pregón, que terá lugar ás 20:00 no auditorio da Casa da Cultura. A continuación, na Praza do Concello actuará o grupo Pantera Rosa.
O 26 de maio continuará o Enduro Monte Castelo, e celebrarase o Día Infantil, cunha festa a partir das 17:00 na praza da Mariña.
Nos días seguintes haberá diversas exhibicións deportivas, concertos, karaokes e moitas actividades máis, que darán paso aos días grandes a partir do 1 de xuño co Día da Baixada ao Porto.
"Como novidade teremos un punto violeta e un servizo de información móbil de prevención de conductas aditivas", subliña a concelleira de Festas. "Ademais, estamos a traballar para presentar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia", conclúe Eijo.

PDF icon Programación das Festas Patronais de Burela 2024

PDF icon Bando da Alcaldesa de Burela, Carmela López, con información práctica e de servizo sobre as Festas Patronais