BURELA DE RUTA VERÁN 2026
BURELA DE RUTA VERÁN 2026
>> BARCO MUSEO BONITEIRO > Visitas guiadas
>> MOLDE DO FARO > Visitas guiadas gratuítas
>> RUTA DO PEIXE > Visitas guiadas á lonxa de Burela
>> XEORUTAS > Rutas guiadas gratuítas
>> MÁIS ALÁ DO MAR > Visitas guiadas gratuítas
>> 'A MONCLOA' > Visitas guiadas gratuítas
>> RUTAS ORNITOLÓXICAS > Rutas guiadas gratuítas
>> CONSERVEIRA ARTESANAL > Visitas guiadas gratuítas
+ Info: Oficina Información Turística | Porto de Burela
982 888 506 | 604 070 965 | oficinadeturismo@burela.org
Luns a venres: 10:30-14:00 | 16:30-19:30 Sábados: 10:00-14:00
O programa de actividades turísticas ‘Burela de Ruta’, promovido polo Concello de Burela, volve un ano máis cunha oferta de 8 visitas ou rutas que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Como novidade comezan as visitas ao Molde do Faro e profesionalízanse as visitas á lonxa ABSA.
O Molde do Faro é unha estrutura metálica que serviu para reconstruír o faro de Burela no ano 2014. Agora está instalado nas inmediacións da praia da Marosa, conta cunha obra de David Catá no seu interior, e pode verse todos os martes ás 16:30h. Esta pequena visita guiada ten unha duración aproximada de media hora e é gratuíta, pero precisa reserva previa a través da web reservasmoldedofaro.burela.org.
As visitas á lonxa ABSA este ano serán guiadas por Rutas Galicia Norte. Nelas poderá verse a poxa do peixe e entender todas as súas peculiaridades. Levaranse a cabo de luns a xoves en horario de tarde. Os luns terán comezo ás 18:00h e de martes a xoves ás 19:00h. As prazas son limitadas e é necesaria a reserva previa a través do formulario que se atopará na web rutadopeixe.burela.org. O prezo por adulto é de 8,00€, menores de 17 anos 5,00€ e menores de 12 anos gratis. A entrada ao recinto da lonxa está totalmente prohibida sen a reserva da visita guiada.
Como xa é costume, volven tamén as rutas xeolóxicas ou XeoRutas. Estes son roteiros guiados e interpretados por unha xeóloga nos que se coñece o variado patrimonio xeolóxico de Burela. Haberá tres percorridos diferentes: A Marosa, O Cantiño e O Perdouro, que se realizarán en diferentes datas de xullo, agosto e setembro. Esta actividade é gratuíta pero é necesaria a reserva previa a través da páxina turismo.burela.org/rutas-xeoloxicas.
O mesmo acontece coas rutas ornitolóxicas, neste caso guiadas por un ornitólogo e nas que se fará préstamo de material óptico para a mellor observación das aves. Serán tres datas diferentes a finais do verán, coincidindo co paso das aves migratorias mariñas, e ao igual que nas XeoRutas, son gratuítas pero é necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico oficinadeturismo@burela.org desde 3 días naturais antes de cada ruta.
Continuamos coas visitas á conserveira artesanal Faro de Burela. Nesta actividade explícase, nuns 10-15 minutos, o proceso de embotado tradicional do bonito para a súa conserva. Estas visitas fanse nas tardes dos xoves e venres de xullo e agosto e é necesario inscribirse antes na oficina de turismo.
Máis alá do mar é o nome que levan as rutas guiadas pola Vila do Medio. Nelas percorrerase, en menos de 2 quilómetros, o barrio histórico de Burela, vendo como mudou a vida nas últimas décadas e rematando coa visita á igrexa, que conserva pinturas de finais do século XV. Estas rutas son gratuítas e faranse todos os xoves ás 10:30h da mañá. É necesaria a reserva previa no correo oficinadeturismo@burela.org
Non podemos esquecer a Moncloa, a asociación dos nosos mariñeiros xubilados. Eles fan visitas guiadas gratuítas dentro do seu local de luns a venres de 10:00h a 14:00h. A memoria do noso mar contada en primeira persoa.
Por último e non menos importante queda a nosa xoia, o Barco Museo Boniteiro 'Reina del Carmen'. O pesqueiro tradicional de madeira, aberto todo o ano, amplía o seu horario en verán coa visita das 19:00h. Son en total 6 visitas guiadas ao día nas que descubrir diferentes tipos de artes de pesca, pesca sostible e forma de vida nun pesqueiro dos anos 60. Para asistir a estas visitas guiadas é necesaria a reserva a través de reservasbarcoboniteiro.burela.org. A entrada xeral de adultos é de 5,00€ por persoa, menores de 17 anos 3,00€ e menores de 8 anos gratis.
Pode atoparse toda a información na web turismo.burela.org no apartado 'visitas'.
