ROMARÍA MONTE CASTELO 2026
Burela celebra do 24 ao 26 de xullo a Romaría do Monte Castelo cun amplo programa de música e actividades
- A tradicional celebración reunirá sesións vermú, verbenas, xogos infantís, concurso de disfraces, actos relixiosos e unha sardiñada popular
O Monte Castelo de Burela acollerá os días 24, 25 e 26 de xullo unha nova edición da súa tradicional romaría, organizada pola Asociación R.C.M. Amigos do Monte Castelo, coa colaboración do Concello de Burela e de diferentes entidades e establecementos locais.
A programación comezará o venres 24 de xullo, ás 20.00 horas, cunha misa na igrexa de Vila do Medio. A partir das 21.00 horas celebrarase unha sardiñada popular, cun menú composto por sardiñas, chicharro, cachelos, pan e viño, a un prezo de oito euros. Os tíckets poden adquirirse anticipadamente na Perruquería Reme, Cafetería Vista Alegre, Valle de Oro, A Mares e Urbana.
A xornada do venres completarase, desde as 22.30 horas, coa actuación do grupo Pekados e a música do DJ Balbi.
O programa continuará o sábado 25, ás 14.00 horas, cunha sesión vermú amenizada por SP The Sound Project. Pola tarde, entre as 17.00 e as 19.00 horas, celebrarase un concurso de disfraces con premios nas categorías grupal, de parellas e individual.
As familias tamén poderán participar, desde as 18.00 horas, nos xogos infantís organizados por Gaia. A programación musical continuará cun tardeo a cargo do DJ “El Peli” e, ás 20.30 horas, cun bingo musical presentado por Marisa Prisa. A partir das 22.30 horas, a verbena contará coas actuacións dos grupos Pantera Rosa e Gin Toni’s.
A romaría rematará o domingo 26 de xullo. Ás 13.00 horas celebrarase unha misa con procesión na honra da Nosa Señora das Marabillas e, ás 14.00 horas, o Dúo Épok será o encargado de amenizar a sesión vermú.
O Concello de Burela convida á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Monte Castelo e gozar dunha celebración que combina tradición, convivencia, gastronomía, música e actividades para todas as idades, e agradece o traballo desenvolvido pola organización e a colaboración das empresas e entidades que fan posible esta nova edición.
