• Galego
  • Español

Unha nova vida para o muro da antiga conserveira

Aínda que tal vez acaera mellor como título “A reconversión ou reciclaxe dun anaquiño do noso patrimonio industrial”, sen esquecer o prefixo “in-” que serviu como elemento referente e aglutinador da obra (Proxecto BURELA-IN para promover a integración social). Sexa como for, o realmente importante é a tarefa realizada no antigo muro xunto coa propia conservación do soporte, gañándose ambos os dous o dereito á inmortalidade, e con ela a un panel explicativo do seu pasado e do seu presente. Á espera de que isto último se materialice e constitúa un novo punto cultural do noso itinerario pola vila, lembraremos o pasado desa parede con moito cheiro a salitre.

A instalación de fábricas de salga na Mariña Lucense está vinculada coa chegada de industriais italianos que arribaron ás costas do Cantábrico a finais do século XIX, momento en que as empresas de salga italianas precisaban dunha maior cantidade de anchoa para poder satisfacer a demanda. Tratábase de empresas instaladas nos principais centros industriais do país: Xénova, Torino, Livorno ou Nápoles que actuaban como comisionistas, desprazando a persoal experimentado para realizar as labores propias da actividade e despois enviar a carga ás súas casas respectivas.

A abundancia de anchoa xunto co seu baixo prezo significaba unha gran vantaxe para instalar estas fábricas no norte de España. Ademais, a implantación desta industria non supoñía un elevado custo, xa que tan só se precisaba alugar un local, realizar a compra do peixe, contratar a man de obra, -maioritariamente feminina- e comprar sal e barrís. Todas estas xestións adoitaban levalas a cabo ese persoal experimentado, os encargados, que na súa gran maioría eran de orixe siciliana, os chamados salatoris por seren expertos coñecedores do proceso de salga da anchoa.

Chegaban na primavera, polo San Xosé, e retornaban ao seu lugar de orixe a finais de xuño, unha vez remataba a costeira; aínda que co paso dos anos, acabarían por establecerse en España.

As fábricas de salga eran almacéns nos que se atopaban a un lado, os píos de salmoira, é dicir, contedores de pedra cubertos con tapas de madeira; situándose ao outro lado, a zona de prensado; mentres que no fondo preparábanse os recipientes de madeira para transportar o peixe e tamén se almacenaban os materiais e o sal.

Este proceso de salga experimentará unha importante mellora coa elaboración dos filetes de anchoa en aceite na propia fábrica, prolongando desta maneira, o tempo de conservación e dando lugar a unha semiconserva. O pioneiro en incorporar esta innovación foi Giovanni Vella Scatagliota (1915) asentado en Santoña. Mentres que os italianos introduciron a salga da anchoa no norte de Galicia a finais do século XIX, os fomentadores cataláns xa o fixeran a mediados do século XVIII, na costa meridional galega, creando unha verdadeira industria que se centraba na salga da sardiña; e establecendo factorías pola costa do sur de Galicia de forma permanente.

Ao ser a salga de peixe unha actividade estacional, os contratos facíanse por temporada para case todas as tarefas, sendo distintos para os homes e para as mulleres. Estas últimas eran recrutadas eventualmente cando abundaba a pesca. Aínda que a industria de salga significou un aumento das posibilidades de emprego para as mulleres da costa, estas accederon ao mercado de traballo en peores condicións que os homes: con contratos eventuais e salarios que supoñían a metade dos masculinos, e iso a pesar de que a súa demostrada pericia contribuíu positivamente a manter a calidade do produto.

Nos libros de Matrícula Industrial e Comercial atopamos exemplos do que acabamos de expoñer xunto coa antigüidade deste tipo de establecementos fabrís: en 1898 está rexistrada unha fábrica de salga co nome de “Marqués Rego y Cia”; en 1910 aparece outra diferente: a conserveira de “Salvarrey y Cerro”; o seguinte dato é de 1940 onde xa figuran unha fábrica de conservas propiedade de Luis González; e unha de salga a nome do siciliano Salvador Palazzolo (quizás pertencente á familia que desde comezos de século, contaba con establecementos de salga en Santoña e Guetaria). 

A partir da instalación de almacéns de salga, a muller vai desenvolver un novo rol no proceso produtivo, entrando a traballar como empregada e achegando un salario directo á economía familiar. En xeral, nas fábricas de salga e conserva a principal man de obra era feminina pois estaban presentes ao lado das mesas de clasificación e limpeza, dos autoclaves, dos fornos ou preto das máquinas de confección ou peche dos envases. As que ían "á conserva" tiñan sona de traballar con rapidez, con limpeza e con eficacia, ademais de cantaren moi ben. 

Na década dos 50 o sector pesqueiro empeza a demandar postos de traballo, xerando tamén a instalación de pequenas industrias e comercios: conservas de pescado, preparación de anchoas, un despacho de sal, comerciantes de pescado, enriquecendo así os Libros de Matrículas Industriais. É nesta década cando o Pósito de pescadores merca a conserveira “Viúva de Bravo” para poñela en aluguer. Nos anos sesenta, as fontes fiscais falan de dúas conserveiras: da xa citada e da de Correa Calderón para logo citar só unha, a partir da década seguinte, da que a día de hoxe, só queda o muro e o solar.

O gran problema deste tipo de traballo era a súa temporalidade; como a pesca da sardiña era irregular e a produción conserveira intermitente, o número de empregadas aumentaba ou diminuía en función das costeiras. Na Mariña Luguesa, a costeira da anchoa era a que requiría maior número de brazos para traballar. Rematada esta, o número de empregadas descendía para pasar despois a traballar o bonito. Coa introdución da semiconserva do filete de anchoa aumentaron os meses de ocupación das mulleres.

Unha das causas da elección de man de obra feminina por parte dos empresarios era manter un reducido custe laboral, que non superaba o dez por cento da estrutura de custes, o que significaba un elemento decisivo para asegurar a competitividade do sector. As mulleres sufrían segregación ocupacional, concentrándose case todas na categoría laboral de xornaleira, un posto eventual desde o cal desenvolvían diferentes tarefas relacionadas coa elaboración do peixe na planta de fabricación. Pola contra, os homes percibíanse como traballadores estables e axeitados para postos de responsabilidade.

O cadro de persoal do establecemento estaba formado por un encargado ou encargada, que era un posto para o que se requiría experiencia, e ter a confianza dos propietarios. Non menos importante era o posto de fogonero ou fogonera, xa que había que estar pendente de que a caldeira tivese carbón para que puidese cocer o peixe, tarefa que se simplificou ao cambiar o carbón por combustíbeis derivados do petróleo. 

No caso de ter que fritir o peixe, era unha muller a elixida para este traballo xa que da súa destreza co lume dependía en gran medida, a calidade do produto final. O resto do persoal eran obreiras que se encargaban de todo o proceso de transformación do peixe ata que se empacaba e pechaba a lata.
Estas mesmas mulleres, coa progresiva mecanización da fábrica, irán substituíndo os homes en oficios que eran tradicionalmente desempeñados por eles como por exemplo o de latoeiro. Coa consolidación da innovación técnica nos talleres de envase foise reducindo o emprego de homes á vez que aumentaba o de mulleres e adolescentes.

A xornada laboral na fábrica dependía das costeiras. Normalmente eran oito horas, a xornada partida, pero non era estraño ter que permanecer no posto de traballo ata altas horas da noite, mesmo os domingos. O soldo cobrábase cada fin de semana e co paso do tempo acabou por se percibir a final de mes. As traballadoras eventuais cobraban por día ou por horas (nun día podíase chegar a cobrar 300 pesetas no ano 1978). 

Era eu ben pequena cando miña nai traballaba de temporeira na conserva, e recordo vela chegar a casa toda contenta poñendo o diñeiro gañado encima da mesa e dicíndome: “isto é para as nosas cousas porque así non gastamos do soldo de teu pai”. 

Herminia Pernas Oroza
Cronista Oficial de Burela