Ruta pola Vila do Medio

A Vila do Medio é un dos antigos barrios de Burela, xerme da vila que temos hoxe en día e centro da vida ata hai menos dun século.

A día de hoxe conserva recunchos que nos trasladan a aquel núcleo cheo de actividade. Convidámosvos a percorrer os seus camiños e a descubrir unha Burela máis calmada, rural e con moito que ofrecer e descubrir a quen a pasea.

A ruta proposta comeza no Camiño de Cinoche, ao pé do Barco-Escultura do castiñeiro centenario. Desde alí, seguiremos as indicacións ata a igrexa da Vila do Medio, onde remata o itinerario. Ao longo do paseo atoparemos varios códigos QR nos que poderemos ampliar información sobre diferentes puntos de interese.

Acompáñasnos?

Se usas Wikiloc, podes seguir a ruta desde o teu móbil no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-lineal-da-vila-do-medio-289060864

Paradas destacadas con información ao longo da ruta:

 

O paseo pola Vila do Medio comeza a carón do rego de Pomeda no camiño de Cinoche, xusto ao pé do Banco-escultura do castiñeiro centenario. Deixando o panel da ruta á nosa dereita, comezamos a camiñar pola senda entre árbores. Nun primeiro momento o río quedará á nosa esquerda e despois, a propia vía fai de ponte, quedando xa o curso de auga á dereita. A poucos metros atopamos o muíño de Cinoche. Neste punto existe un novo cartel informativo no que poderemos ampliar información sobre esta antiga construción.

Continuamos a senda ata chegar a unhas casas. Andando entre elas veremos un hórreo case fronte a nós e un pouco máis adiante unha bifurcación. Aquí, incrustada no muro, hai unha cruz de pedra. Contan os veciños que en Burela había varias coma esta que se puxeron nos lugares nos que ‘paseaban’ aos represaliados na Guerra Civil. Neste punto colleremos o camiño da dereita ata un sinal de ‘Stop’ desde onde seguiremos o itinerario na mesma dirección. Neste momento tamén nos podemos guiar pola baliza da Ruta Circular.

Ao final do camiño atoparemos a fonte e o lavadoiro de Lamela, que conta cunha pequena área recreativa. Aquí temos un novo punto de información en formato de código QR nas inmediacións da fonte.

Debemos agora desfacer o treito andado ata ver a primeira calexa á dereita, xusto fronte a sinalización da Ruta Circular. Subindo, deixaremos ás nosas costas un dos moitos pozos do barrio para atopar, xa no final á esquerda, as escaleiras polas que debemos subir. Unha vez arriba debemos dirixirnos novamente á esquerda e continuar recto ata chegar a un cruzamento no que de veremos á fronte unha casa cun antigo depósito de auga enriba. Xusto aquí, á dereita e entre construcións, veremos un nacente de auga cunha cruz de pedra ao lado.

Seguimos a andaina cara a dereita para coller, a poucos metros, a primeira rúa empedrada que veremos á esquerda.

Ao final desta rúa veremos fronte a nós unha antiga taberna que pechou hai décadas. Á dereita hai de novo un nacente de auga e á esquerda, sobre o muro de pedra en seco, veremos un punto de información QR. Nesta área existen os topónimos lugar da ‘Capilla’, a finca das Marabillas ou cortiña das Marabillas, xa que é aquí onde se atopaba, precisamente, a case desaparecida capela das Marabillas. Hoxe só conservamos un arco de medio punto que daría entrada ao pequeno templo e que está incluído nunha nova construción de carácter privado.

Continuaremos á esquerda con coidado, xa que nesta estrada o tráfico é máis habitual, ata acadar o último cruzamento. Debemos tomar a vía empedrada á nosa esquerda, sinalizada tamén coa frecha amarela do Camiño de Santiago. Ao final, a ruta finaliza collendo de novo á esquerda ata chegar á igrexa. Aquí atoparemos o último panel informativo.

Se queremos regresar ao camiño de Cinoche, deixaremos a igrexa á dereita para baixar a estrada. O segundo cruzamento á esquerda levaranos de novo ao punto de inicio.