• Galego
  • Español

O Concello de Burela habilitará unha carpa para facilitar as tarefas previas á colocación da alfombra floral

Habilitarase na Praza do Concello a partir do luns 16 de maio, en horario de 
10 a 23 horas aproximadamente

Poderán achegarse e participar todas as persoas que queiran para picar o verde e axudar na medida das súas posibilidades e dispoñibilidade 
na preparación da alfombra floral

A carpa estará colocada durante tres semanas e será preciso levar algún 
material como luvas e tesoiras 


Burela, 12 de maio de 2022.-  O Concello de Burela habilitará unha carpa na Praza do Concello a partir do vindeiro luns 16 de maio para facilitar as tarefas de picado do verde e das flores previas á colocación da tradicional alfombra floral.

Unha tradición que alcanza case as tres décadas de historia e que o concello pretende estender a toda a poboación creando un espazo aberto a onde poidan acudir as persoas que estean interesadas en colaborar, co único requisito de levar unhas luvas e unhas tesoiras, de podar ou de cociña, no tempo que cada un dispoña para axudar.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, fixo un chamamento a  tan só un mes de que as rúas de Burela se engalanen coas tradicionais alfombras florais, buque insignia das patronais, convidando “a todos os veciños a colaborar e dar continuidade a unha actividade tan arraigada no noso pobo e que precisa de apoio ás mans que sempre a levaron adiante, cooperación entre todos e ilusión compartida para vivilo como algo noso, propio e especial”. 

A carpa estará instalada durante tres semanas, as dúas primeiras para picar o verde e a última para picar a flor. As persoas que queiran colaborar poderán achegarse en calquera momento do día, dentro do horario establecido, se teñen algunha noción das tarefas a realizar ou tiveron algún tipo de contacto previo con esta tradición; no caso de que non sexa así, estableceranse uns horarios que se darán a coñecer proximamente para que persoas da asociación podan guiar e ensinar nas técnicas de picado.

O Concello de Burela fai así unha aposta decidida pola continuidade das alfombras florais, dotando de recursos materiais para as mesmas e habilitando unha carpa para democratizar o saber tradicional e que este costume non se perda co paso dos anos. Esta medida complementará os puntos tradicionais de picado, que permanecerán coma sempre nos lugares xa establecidos. O goberno local fai un chamamento á poboación de Burela para que coñezan de preto este arte e que colaboren dentro das súas posibilidades.