Restos da antiga Capela das Marabillas
Na contorna do lugar onde estamos situábase a antiga capela das Marabillas, datada no século XVII e mandada construír polo párroco de Burela e Sargadelos Juan Mariño.
Sabemos que o capelán Tomás Santos, a mediados do século XIX, daba tres misas semanais neste lugar, e outras trece anuais por Xesús e os seus apóstolos.
A comezos do século XX o seu culto foi desaparecendo en parte pola abolición dos vínculos e morgados e pola carencia de bens e rendas por mor das desamortizacións.
A súa festividade mantívose ata os anos 40 do século XX todos os 9 de xullo.
Da antiga capela só queda un arco de medio punto que pertencía á súa entrada e que hoxe está integrada nunha construción privada máis recente.
A toponimia tamén nos recorda a existencia deste pequeno templo: o lugar da ‘Capilla’, a finca das Marabillas ou a cortiña das Marabillas localízanse nesta área.
Na actualidade Burela conta cunha nova capela das Marabillas no Monte Castelo, inaugurada a principios deste século pola Comunidade de Montes. Máis información en: https://turismo.burela.org/gl/capela-nosa-senora-das-marabillas
Fonte: Herminia Pernas, cronista oficial de Burela
