PROGRAMACIÓN 25N BURELA 2026

BURELA ACTÚA FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Burela presenta a súa programación do 25N cunha aposta pola educación e a participación cidadá contra a violencia machista

O Concello de Burela, a través da Concellería de Igualdade, organiza unha programación de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A proposta combina a sensibilización, a educación e a participación veciñal, e inclúe unha andaina o día 22, actividades nos centros educativos e un acto central o 25 de novembro coa lectura do manifesto.

"Dende a Concellería de Igualdade queremos que o 25N sexa moito máis ca unha data sinalada no calendario. A violencia machista segue sendo unha realidade que nos afecta como sociedade e fronte á que non podemos permanecer indiferentes. Por iso, apostamos por unha programación que combine a sensibilización, a educación e a participación da veciñanza", explica a concelleira de Igualdade, Sandra Fernández.

Este ano, o Concello quixo darlle especial protagonismo á participación cidadá. "Tanto na andaina como no acto central do 25 de novembro queremos contar coa implicación das asociacións e entidades locais. Porque a loita contra a violencia de xénero non é responsabilidade exclusiva das institución, senón un compromiso que debemos asumir colectivamente", sinala a concelleira.

A prevención dende idades temperás é outros dos eixos da programación. "Consideramos fundamental seguir traballando cos nenos, nenas e adolescentes. A prevención comeza na educación, fomentando dende idades temperás relacións baseadas no respecto, na igualdade e na liberdade. Por iso, incluímos actividades nos centros educativos, con propostas adaptadas ás diferentes idades que permitan reflexionar sobre os estereotipos, as desigualdades e as distintas formas de violencia", engade Fernández.

A concelleira fai además un chamamento á participación: "Animamos a toda a veciñanza a participar nas actividades, especialmente na andaina do día 22 e na lectura do manifesto do 25 de novemebro. Queremos que Burela volva demostrar que é unha vila comprometida coa igualdade, co respeto e co dereito de todas as mulleres a vivir libres e sen medo".