"PALESTINA, UNA TRAGEDIA PERMANENTE"
Burela acollerá a proxección do documental "Palestina, una tragedia permanente", seguida dun coloquio co seu director
O Auditorio da Casa da Cultura de Burela acollerá o vindeiro xoves 15 de outubro de 2026, ás 19:30 horas, a estrea do documental Palestina, una tragedia permanente, do cineasta e escritor Javier Díez Moro.
A actividade, organizada polo Foro Social da Mariña en colaboración co Concello de Burela, ten como obxectivo promover o coñecemento e a reflexión sobre a situación do pobo palestino desde unha perspectiva histórica e de defensa dos dereitos humanos.
O documental realiza un percorrido pola historia de Palestina, con especial atención aos acontecementos sucedidos desde outubro de 2023 ata a actualidade. A través de imaxes de arquivo, testemuños e achegas de especialistas, a obra ofrece elementos de análise para comprender o contexto histórico e a situación actual.
Ao remate da proxección celebrarase unha charla-coloquio co director, Javier Díez Moro, que permitirá afondar nos contidos abordados no documental e favorecer o intercambio de reflexións entre as persoas asistentes.
Desde o Concello de Burela convidan á veciñanza a asistir a esta actividade, que, segundo explicaron, busca fomentar o pensamento crítico, o diálogo e a sensibilización arredor dos dereitos humanos e do respecto ao dereito internacional.
Casa da Cultura de Burela
> Xoves 15 de outubro de 2026 ás 19:30 horas
