Xuntanza no Recuncho Multicultural de Burela con motivo da Festa da Música
- O encontro será o sábado 22 de novembro de 2025 ás 12:30 horas na Praza de Abastos
Burela, 18 de novembro de 2025. O Recuncho Multicultural de Burela acolle unha nova xuntanza con motivo da Festa da Música o sábado 22 de novembro. A actividade será ás 12:30 horas na Praza de Abastos, antes do comezo da celebración da Festa da Música ás 13:00 horas.
Durante o encontro, cada colectivo participante compartirá a música, os sons e os instrumentos que adoita escoitar no seu lugar de orixe para crear unha playlist colaborativa. Segundo explicou o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, “trátase dunha actividade cooperativa na que aprenderemos sobre diferentes culturas e tradicións a través da música” co obxectivo final de “crear unha playlist de músicas do mundo no noso concello”.
De igual xeito, o propio concelleiro destacou que é un evento aberto a toda a cidadanía e que “dende o Concello, animamos a toda á veciñanza a participar".
Mario Pillado afirmou que estas xuntanzas “axudan a crear comunidade en Burela, fomentando a participación cidadá e o achegamento a outras culturas, á vez que gozamos de músicas e ritmos novos".