• Galego
  • Español

XA ESTÁ INSTALADO O TELESCOPIO PANORÁMICO NA ÁREA RECREATIVA DO MONTE CASTELO. ALFREDO LLANO ASEGURA QUE SERÁ UN NOVO ATRACTIVO PARA BURELA E PARA ESA ZONA

Burela, 2 de decembro de 2021. A área recreativa do Monte Castelo conta cun telescopio panorámico que se ven de instalar e que será un novo atractivo tanto para Burela como para esa zona, segundo o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor contou que “temos un atractivo novo na área recreativa do Monte Castelo, onde se acaba de instalar un telescopio panorámico de alta calidade e que ten incorporada unha brúxula que indica para onde se está a mirar. Vaise colocar tamén un panel informativo onde se pode apreciar todo o litoral, o que tamén será unha axuda para orientar o telescopio a aqueles sitios onde se queira dirixir”.

Para Llano “isto é un atractivo máis para a área recreativa do Monte Castelo e para Burela. Todos somos partícipes disto e debe ser considerado como un patrimonio común e compartido de toda a xente de Burela e dos que veñan visitarnos. Debemos coidar que iso siga aí ben en todos os momentos, que estea sempre funcionando perfectamente e que sirva para contemplar as marabillas e a extraordinaria visión que se pode apreciar desde o Monte Castelo.

O alcalde burelés dixo que “é un atractivo que combina a cuestión turística coa medioambiental porque tamén se van facer unha serie de plantacións e melloras como a creación dun xardín botánico e a plantación de árbores na zona de Pomeda, ademais de aumentar un pouco máis a ruta circular que temos, para darlle unha visión nova, para que a xente poida andar arredor de Burela. E na Vila do Medio, onte está a fonte e o lavadoiro, esa zona etnográfica na que hai cerca un muíño, tamén se está preparando para que sexa atractiva e que a xente que vaia facendo a ruta se poida sentar e descansar e incluso merendar nas mesas que se están a colocar”.

Alfredo Llano subliñou que “con todo isto trátase de que Burela teña máis atractivos para animar á xente a visitarnos, que vaia ata a área recreativa do Monte Castelo e que faga algunha das rutas de sendeirismo, o que é moi bo para facer educación física pero tamén cultural e etnográfica”.