• Galego
  • Español

Volven os torneos de fútbol 3x3 no Concello de Burela os días 16 e 17 de agosto

A Delegación de Deportes recupera esta competición despois de dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia

Os partidos realizaranse na Praza da Mariña a partir das 20 horas dos días 16 e 17 de agosto

As inscricións deberán cubrirse na Casa da Xuventude en horario de 9 a 13 horas, ou ben chamando por teléfono ao 982 581 141


Burela, 10 de agosto de 2022.-  A Delegación de Deportes do Concello de Burela anunciou esta mañá que se recuperan os torneos de fútbol 3x3 despois de dous anos nos que non se realizaron por mor da pandemia da Covid-19. Volverán a disputarse os partidos o martes 16 e mércores 17 de agosto, na Praza da Mariña a partir das oito da tarde.

Haberá catro categorías (sub-10, sub-12, sub-14 e sub-16) e as inscricións deberanse realizar na Casa da Xuventude, en horario de 9 a 13 horas, ou ben chamando ao número de teléfono 982 581 141.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, presentou estes torneos de fútbol 3x3 xunto co alcalde e técnico de deportes, animando “a todos os interesados en participar de novo nunha iniciativa que puxemos en marcha hai sete anos e que agora recuperamos polo éxito das últimas edicións”, explicou o edil, engadindo que “son formatos de competición que motivan aos máis mozos e nos que se transmiten valores de deportividade e compañeirismo, o fin último de organizar este tipo de campionatos”.

Estes torneos de fútbol súmanse á oferta deportiva que o concello puxo en marcha para este verán co obxectivo de dinamizar o pobo con actividades variadas e para distintos públicos e fomentar o deporte entre a mocidade.