• Galego
  • Español

Verán Bonito encherá de música en vivo a hostalaría de Burela durante os meses de xullo e agosto

  • A segunda edición da iniciativa, impulsada polo Concello de Burela e a Asociación de Hostalaría, reúne máis de trinta actuacións en diferentes locais co obxectivo de dinamizar o municipio, apoiar o sector e ofrecer unha alternativa de lecer para veciñanza e visitantes 

Burela, 10 de xullo de 2026. O Concello de Burela e a Asociación de Hostalaría de Burela presentan a segunda edición de Verán Bonito, unha iniciativa que volverá levar a música en vivo aos establecementos hostaleiros da vila ao longo dos meses de xullo e agosto. A programación, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 30 de agosto, inclúe máis de trinta actuacións de diferentes estilos e formatos.

Tras a boa acollida da súa primeira edición, Verán Bonito consolídase como unha proposta destinada a dinamizar a vida social e cultural de Burela durante o verán, ao tempo que contribúe a reforzar a actividade da hostalaría e a ofrecer unha programación de lecer tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan a localidade nestas datas.

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, destacou o traballo realizado pola Asociación de Hostalaría para facer posible esta segunda edición e agradeceu o esforzo realizado para confeccionar unha programación tan ampla. "Sen o traballo da Asociación de Hostalaría esta iniciativa non sería posible", sinalou.

Ramiro Fernández lembrou tamén o éxito da primeira edición e mostrou a súa satisfacción pola resposta que está a ter a programación deste ano. Segundo indicou, “o obxectivo é ofrecer alternativas de lecer tanto á veciñanza como ás persoas que visitan Burela durante o verán, contribuíndo a crear ambiente na vila e animando á xente a saír e desfrutar da oferta hostaleira”.

Ademais do seu valor como proposta de ocio, Verán Bonito supón tamén un importante impulso para a economía local. Neste sentido, Fernández incidiu en que “este tipo de actividades favorecen a actividade da hostalaría, xeran movemento económico e contribúen a potenciar o turismo de Burela durante os meses de verán”.