• Galego
  • Español

VALORACIÓN MOI POSITIVA DOS USUARIOS E USUARIAS TRAS A CREACIÓN DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS PARA XOVES DE MÁIS DE 60 ANOS

Valoración moi positiva das usuarias e usuarios tras a creación das escolas deportivas municipais para xoves de máis de 60 anos. Hoxe recibiron a visita do alcalde, Alfredo Llano, e dos concelleiros de Servizos Sociais e Deportes, Carmela López e Ramiro Fernández.

A concelleira burelesa explicou que “acudimos ao último día de clase deste ano para recoller as valoracións de primeira man do alumnado das escolas deportivas, despois de internalizar este servizo, que anteriormente se viña executando a través de licitación pública. A valoración dos usuarios é moi positiva. A verdade é que son moi agradecidos e están encantados con Lucas. Xa están agardando o comezo das clases para o vindeiro 2023. Na actualidade o noso técnico de deportes adestra a tres grupos que acoden dous días á semana, unha hora cada día”.

Carmela López contou que “o custe do servizo é de 6 euros mensuais para o usuario. Custe que se reverte en dotar dos elementos e material necesario para que a actividade sexa atractiva e divertida para as veciñas e veciños que acoden ao mesmo”.

Desde o equipo de goberno animan “aos veciños e veciñas que se queiran unir, se acheguen ao concello para solicitar información de cara á continuidade destas escolas no vindeiro ano”.