• Galego
  • Español

Uxía volve este sábado a Burela para celebrar os seus 40 anos de traxectoria musical

  • O concerto será ás 20:30 horas do sábado 1 de novembro de 2025 na Casa da Cultura, onde se poderán adquirir as entradas a 5€

Burela, 27 de outubro de 2025. A recoñecida cantante galega Uxía volverá este sábado 1 de novembro a Burela como parte da súa xira Será por Flores, coa que celebra 40 anos de carreira musical.

O recital terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Burela. As entradas para o evento poderán ser adquiridas no despacho de entradas da propia Casa da Cultura en horario de 10:00 a 13:00 horas, a un prezo de 5€.

O evento conta co apoio do Concello de Burela e da Xunta de Galicia a través da AGADIC, estando enmarcado na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A concelleira de Cultura de Burela, Lina Gómez, anima á veciñanza "a vir celebrar os 40 anos de traxectoria desta gran artista galega nun concerto que, de seguro, será inesquecible".

Uxía, nada en Sanguiñeda, Mos, comezou a súa carreira musical ao gañar o primeiro premio do Festival de Bergantiños en 1985, publicando o seu primeiro álbum 'Foliada de marzo' ao ano seguinte. A súa prolífica e recoñecida carreira toca diferentes xéneros, aínda que está enmarcada principalmente entre o folk, a música tradicional galega e a canción de autora.