• Galego
  • Español

URXENTE.- Comunicado Oficial da Alcaldesa de Burela

O atropelo múltiple ocorrido hoxe en Burela deixou ao pobo conmocionado. Os feitos, a atención no lugar do suceso e a situación no hospital foron seguidos con máxima preocupación por parte de todas as institucións e da veciñanza. Foron momentos de angustia, de incerteza e tamén de profunda humanidade.

Cómpre agradecer o labor exemplar do dispositivo de emerxencia que actuou con rapidez e entrega: os servizos sanitarios, a Policía Local, a Garda Civil, os Bombeiros e Protección Civil.

Tras a reunión mantida co equipo de goberno, coa comisión organizadora das festas e cos voceiros da oposición, e logo de escoitar tamén os partes médicos e aos corpos de seguridade, tomouse a difícil decisión de continuar coa programación prevista das festas patronais.

Esta non é unha decisión tomada á lixeira. Foi valorada con responsabilidade, co corazón e co sentido común. Tivéronse en conta as últimas valoracións médicas, que indican que varias das persoas feridas xa están en planta e evolucionan favorablemente, algunhas incluso xa recibiron a alta hospitalaria. Se ben unha persoa continua en estado grave, confiamos na sua recuperación.

A decisión busca o equilibrio entre o respecto polo que vivimos e a responsabilidade coas persoas que levan meses traballando, coa xente que vive directa ou indirectamente destas festas e co conxunto da veciñanza.

A nosa prioridade segue sendo o apoio ás vítimas, ás súas familias e á comunidade da Fundación Eu Son. Trasladamos todo o noso cariño, solidariedade e acompañamento nestes momentos tan difíciles. Agardamos de corazón a súa pronta recuperación e reiteramos o noso compromiso de estar ao seu carón para todo o que precisen. A forza e a unidade do noso pobo son hoxe máis visibles ca nunca.