Territorio Regueifa pecha en Burela a programación das Letras Galegas
- O espectáculo dirixido por José L. Prieto, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé e o FIOT de Carballo, representarase na Casa da Cultura a través de AGADIC
Burela, 21 de maio de 2026. A Casa da Cultura de Burela acollerá este sábado 23 de maio a obra ‘Territorio Regueifa’, un espectáculo, recomendado para maiores de 14 anos, de teatro, humor, música e improvisación que achega ao público a arte da regueifa a través das actuacións de dous regueifeiros e unha regueifeira.
A función chega a Burela a través da AGADIC, cunha proposta dirixida por José L. Prieto e coa coprodución do Centro Dramático Galego con Ainé e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. O elenco conta ademais coa participación do burelao Manolo Maseda, xunto con Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
A obra comezará ás 20.00 horas con entradas a 5 euros e estarán á venda no despacho de billetes unha hora antes do comezo da función.