• Galego
  • Español

TEATRO, ACTIVIDADES INFANTÍS E CONCERTOS CONFORMAN A PROPOSTA CULTURAL DO CONCELLO DE BURELA PARA ESTE NADAL

Teatro, exposición, obradoiro e musical infantís e concertos conforman a proposta cultural do Concello de Burela do 3 de decembro ao 14 de xaneiro. O concelleiro de Cultura, José Díaz, agarda que se xeren moitas vendas no comercio local, “movemento e moita ilusión” para o 2023.

O edil burelés contou que “desde a Delegación de Cultura queremos presentar a programación de Nadal. Tivemos unha reunión con comerciantes de Burela e coordinamos algunhas actuacións con eles para potenciar o comercio local, que é moi importante agora mesmo. Eles van facer o sorteo dunha viaxe entre os clientes que fagan as súas compras nos comercios da vila”.

Díaz explicou que “este mesmo sábado, 3 de decembro, teremos ao grupo de teatro de Viveiro Andanzas, que o fan moi ben e que presentará Baile de huesos, ás oito e media e con entrada gratuíta. O luns 5 temos, na sala de arte, unha exposición de acuarelas que se chama Creaturas, de Mercedes Maseda Pernas, quen nos presenta cadros de diferentes temáticas que poderemos desfrutar durante todo o mes. O sábado 10 teremos o obradoiro infantil de Brazolinda chamado Xogos de mesa en galego, de once a unha, na Casa da Cultura, tamén gratuíto. O venres 16, ás nove da noite, contaremos co grupo de teatro O Bordelo dirixido polo gran Paco Piñeiro, que presentará O covid do mariñán. É unha obra nova que estrearemos aquí e seguro que conta, como sempre, con moita asistencia, todos os grupos de teatro que dirixe o gran Paco Piñeiro teñen un seguimento incrible. O mércores 21, ás oito da tarde, haberá o concerto tradicional de Nadal da Escola Municipal de Música de Burela, e o xoves 29 ás sete da tarde teremos un musical infantil de bo nivel que se chama La gran aventura de los Reyes Magos da produtora Gaudium. As entradas xa están á venda en lagranentrada.com e no facebook de Cultura de Burela está o enlace directo para mercalas”.

O concelleiro de Cultura seguiu a relatar que “en Burela teremos tamén á charanga NBA, que estará polas rúas da vila e os locais de hostalería o venres 30 de seis e media a nove menos cuarto. Xa estiveron noutras ocasións en Burela e gustan moito. Nesta actividade apoiamos á asociación de comerciantes. Ademais en xaneiro o día 5 disfrutaremos doutro concerto, que tamén ten que ver coa asociación de comerciantes, no que actuará o grupo asturiano Rockvival, que fai versións dos anos 70 e 80 e penso que van gustar moito. Será ás oito da tarde na praza da Mariña, antes do sorteo dos comerciantes, e se estivera mal tempo fariámolo no auditorio. O sábado 7, ás seis da tarde, temos outra vez a Touriñán con Manuel Cortés, Isabel Garrido, Christian Escouredo, Xoan Forneas e Sergio Zearreta con Recortes, caneos e outras formas de canear. As entradas están á venda na taquilla.com. E tamén en xaneiro, o día 14 ás oito e media será a presentación en concerto de David Catá con Origen, que tamén será unha actividade gratuíta”.

José Díaz agarda que “con estas actividades ambientemos un pouco o Nadal e que haxa moitas vendas, movemento e moita ilusión de cara ao ano que ven”.