• Galego
  • Español

Repunantas chega a Burela dentro da programación do Día das Letras Galegas 2026

  • Inma López Silva e Francisco Castro ofrecerán unha proposta musical e literaria para público adulto centrada nas voces femininas da tradición literaria galega

Burela,11 de maio de 2026. O Auditorio da Casa da Cultura de Burela acollerá este venres, 15 de maio, ás 21.00 horas, Repunantas. As punkis da literatura galega: de María Balteira a Begoña Caamaño, no marco da programación do Día das Letras Galegas 2026, con entrada de balde ata completar capacidade.

A proposta trátase dun espectáculo de narración oral e música no que dous escritores ben recoñecidos do sistema literario galego, Inma López Silva e Francisco Castro, unen as súas forzas para ofrecer unha función na que palabra, música e humor se mesturan nunha proposta escénica viva e participativa.

A través dunha escolla coidada de textos e cancións interpretadas en directo, o espectáculo propón unha viaxe pola historia das grandes autoras da literatura galega, desde a época medieval ata a actualidade.

O percorrido arrinca con figuras como María Balteira e chega ata a autora homenaxeada co Día das Letras Galegas deste ano, Begoña Caamaño.

A proposta céntrase en amosar como a lingua galega e a súa literatura sobreviviron e se transformaron grazas ás "repunantas": mulleres que, lonxe de aceptar un papel secundario, decidiron escribir, crear e intervir no mundo desde a palabra. Mulleres rebeldes, inconformistas e pioneiras que converteron o galego na súa ferramenta de expresión e na súa forma de resistencia.

Con humor, música en directo, interacción co público e unha selección de textos que dialogan entre si ao longo dos séculos, Repunantas preséntase como un exercicio escénico lúdico e crítico ao tempo. O espectáculo non só pon en valor a forza da literatura galega, senón que o fai desde unha ollada feminista, desmitificadora e claramente "punkie".

Dirixido a público adulto, Repunantas é unha celebración da palabra, da memoria e da rebeldía feminina na cultura galega, e unha reivindicación da vixencia e potencia da nosa lingua.